''Os monólogosque fago son teatro con ‘low cost’''

É un actor coñecido en Cataluña e en Galicia polas súas ‘albertadas’, término que dá conta do seu selo persoal e da súa capacidade para teatralizar en clave de humor a vida e servila en monólogos. Tamén é coñecido por ser de Anguieiros, un pobo de Quiroga.

A vida de Alberte Montes (Quiroga, 1986) non é un cachondeo pero non se pode entender sen o humor e, por suposto, sen ter en conta a súa orixe, no pobo de Anguieiros, na parroquia de Montefurado, en Quiroga. Vive dende neno en Barcelona pero varias veces ó ano acude a Galicia. Antes o facía para ir ó seu pobo e agora para encher bares e escenarios coas súas ‘albertadas’, as súas coñas con retranca que fan rir ó público e que a el danlle a vida en todos os sensos. Traballa principalmente como monologuista, pero se resiste a enmarcarse nese estilo porque vese como un actor de múltiples rexistros, pero sempre co humor como prato forte do menú.

Vostede vive en Barcelona e prepara o seu traballo?

Nacín en Anguieiros pero a eso dos cinco anos fixen unha emigración involuntaria a Barcelona, polo traballo dos meus pais. Eu daquela non tiña capacidade de decisión. Son prácticamente catalán pero tamén galego. Hoxe tanto estou en Barcelona como en Galicia, grazas ó traballo.

O pasado Entroido foi unha desas épocas de estadías en Galicia.

Dende hai catro anos vou a Galicia cada dúas por tres. Estiven en febreiro, no Entroido, durante 15 días para facer nove actuacións, dende á costa ata o interior, pois actuei, entre outros sitios, en Quiroga e en Monforte.

O espectáculo que presentou ía precisamente sobre o Entroido?

O espectáculo, que tivo moito éxito, chamábase ‘De paliqueiro por Galicia’, un xogo de verbas, historias e contos. O protagonismo o levaba o Entroido, a súa particularidade en Galicia e a ideosincrasia dos galegos.

Somos diferentes?

En moitas cousas, e gústame investigar sobre elas para os espectáculos. Entre elas destaca, voltando ó tema do Entroido, o gusto pola comida e bebida sobre todo cando son festas. Nese aspecto tamén chama a atención que en Galicia a xente paga rondas de consumicións, pero sobre todo destacamos no relativismo. Moitas expresións dan conta delo e sempre deixan unha porta aberta a varias interpretacións.

Cómo empezou a súa carreira de actor?

Un pouco topicazo. Sempre se me deu ben o tema das pallasadas e, unha cousa que nunca contei nunha entrevista, cando tiña uns dez anos imitaba a Chiquito da Calzada, pero cando realmente collín o gusanillo foi a eso dos oito anos ó participar nunha obra de teatro, curiosamente, en Galego e Catalán. Despois dinme conta da miña vocación e empecei a formación nunha escola de arte dramático.

Parece que esa alusión a Chiquito da Calzada non lle fai moita graza?

É que non me identifico cos contachistes, que era o que se levaba nesa época, pero tamén creo que abriu un camiño. Inclínome máis polo monólogo, aínda que tampouco me encadro moito nese ámbito, porque os monólgoso na miña carreira son unha parte como actor. O que eu ofrezo na actualidade é algo moito máis alá. xa que eu teatralizo moito. Un monologuista é distinto porque non interpreta nin xesticula de forma predominante, como fago eu. É o meu selo persoal. Eu son un actor que na actualidade traballa con espectáculos que teñen parte de monologuista e moita de teatro cómico. A miña intención non é quedarme aiquí, senón formarme como un actor completo, con varios rexistros. Xa traballei en programas de televisión, nalgunhas curtametraxes e en radio. Un pouco de todo.

Fixo unha colaboración no programa ‘Salvados’.

Traballei coa productora El Terrat, que produce o programa ‘Salvados’,hai xa uns catro anos. Tamén fixen outros traballos máis e espero poder facer moitos máis e algún proxecto sólido. El Terrat é o referente en humor neste país.

Como foi ese traballo no programa?

Naquela época, ‘Salvados’ funcionaba moito con infiltrados. Eu fixen ese papel no Camp Nou nun partido da Copa do Rei e tiña que molestar a Serrat. Saiu ben, pero aínda lamento que non tivera ocasión de explicarlle a coña a Serrat.

Tamén fai traballos para a radio

Fago un programa de humor en Radio Ciutat Vella, en galego, para a parroquia que hai por aquí.

Hai morriña?

Moita xente que emigrou a sinte, pero eu non moito porque cada vez estou máis en Galicia, onde intento abrirme camiño dando a coñecerme e facendo nome. Sería bo facer algo para a Televisión de Galicia. Mentras teño moitas actuacións. Por outro lado, cando estou en Galicia sinto morriña de Cataluña. Traballo dende Barcelona, pero non me importaría ir a vivir a Galicia. Sería cuestión de ter traballo.

Ve que en Galicia hai máis posibilidades para un actor como vostede?

No ámbito do humor funcionase moi ben. Hai grandes actores de sona. Hai boa canteira e á xente gústalle ir a un bar, pub ou casa de cultura a ver un monologuista e tal vez no irían a un teatro, onde os actores sentímonos mellor porque o público vai exclusivamente a verte, non a tomar copas ou a pasalo tempo. Podíase dicir os monólogos son unha forma de ver teatro en ‘low cost’ (baixo custe). Empezaron, por así decilo, a partir do Clube da Comedia, e a verdade que son unha alternativa para bares, pubs e outros locais e, por suposto, unha saída para moitos actores.

Terá moitas anécdotas das súas actuacións?

Un feixe delas, que tamén aproveito para o meu traballo. no que ás veces trato de implicar a xente. Nunha actuación que ía facer nun local coincidía cun partido do Madrid. Retrasámola un pouco e apagamos o televisior. Empecei cun chiste preguntando se a xente estaba vendo fútbol ou ó Madrid. Un home asustoume cando dixo en alto que moi mal empezaba. Púxome o cu como un asterisco. Ó final díxome que o principio me ía matar pero que o facía moi ben, e tomamos unhas copas. Noutra ocasión había un home perxudicado que daba a lata. Despois veu outro día cos amigos e a familia e fixemonos unha foto que logo serviu para poñer no cartel.

DE PRETO
«Xa me coñecen pola rúa por ser do pobo de Anguieiros»

Cales son as satisfaccións do seu traballo?

Por suposto que á xente lle guste e que lle faga rir, e ás veces pensar sobre cousas das que falo. Síntome moi satisfeito cando me recoñecen, por exemplo na rúa. Nunha ocasión un grupo de rapaces pararon o coche no que ían e me berraron pola rúa: ¡Anguieiros! Resulta que nun espectáculo dixera de onde era e a xente quedouse con eso. Xa me coñecen porque lle gustou o traballo e quedáronse con eso de ser de Anguieiros, o meu pobo do que sinto moito orgullo.

Ten algún costume antes de ir para o escenario?

Quento a voz. Teño como costume cantar algunha canción de Fito e Fitipaldis. Tamén no peto de atrás do pantalón levo un esquema sobre a actuación. O curioso é que nunca o uso. Queda mal se sacas algo para ler, pero dáme seguridade. Ensaio moito co meu irmán, que traballa comigo e que é o meu representante.

Que sucede cando non saltan as risas?

Nunca me pasou, aínda que ás veces costa que a xente exteriorice os seus gustos. Hai situacións en que é difícil, pero, como me dicía unha profesora: «improvisa, si sabes». Non queda outra

Comentarios