Martes. 21.11.2017 |
El tiempo
Martes. 21.11.2017
El tiempo

FESTAS E DIVERSIÓN ASEGURADAS

Albá prepara o seu salto atrás no tempo

Xosé Luis Carrera e Afonso García, dúas alma máter de Son d'Aldea
Xosé Luis Carrera e Afonso García, dúas alma máter de Son d'Aldea
Este núcleo palense viviu estes últimos días os ensaios e preparativos para un novo Son d'Aldea, que chegará tamén a Santo Xusto ►A finalidade da iniciativa é mostrar, a través de representacións teatrais, como era a vida nas aldeas galegas a principios do século XX

As aldeas palenses de Albá e Santo Xusto mostran estes días un inusual aspecto que sorprende ao visitante, que, de súpeto, sente como dá un paso atrás no tempo. Nas corredoiras que separan estes dous núcleos, o habitual estes días é oír o rítmico canto do eixo dun carro do país ou cruzarse con homes, mulleres ou nenos nos que os zapatos de pel ou as deportivas son substituídas por zocos de madeira, e as súas camisas e pantalóns vaqueiros, por porosas e frescas pezas de liño de elaboración artesanal.

As maneiras, o trato e a linguaxe da xente fúndense cos sons, os labores e a propia luz dunha paisaxe que leva a ese visitante a unha aldea de principios do século XX.

Se os máis novos poden sorprenderse por esa viaxe no tempo, para os máis vellos non é máis cunha viaxe na súa memoria, uns recordos que volven aflorar con cada edición de Son d'Aldea, que non é máis cunha gran representación teatral que mergulla ao público no modo de vida das aldeas de hai sesenta ou setenta anos.

Aínda que a representación será este sábado, dende hai xa tempo Albá está mergullada nese salto ao pasado a través dos ensaios que se levan a cabo en cada un dos escenarios e nos que participan actores e actrices de gran vocación e afección, coordinados por Afonso García, director desta grande obra.

Nestas representacións participarán este ano un total de 103 persoas, das que a maioría, arredor duns 60 intérpretes, viven neste concello ou están vinculados a estas terras. Moitos son fillos ou netos que aínda que agora non conviven nalgunha destas parroquias, teñen un forte sentimento de pertenza a este lugar.

A fama dos roteiros teatrais foise facendo popular en toda Galicia ata o punto de que moitas persoas de diversos puntos da comunidade comezaron a mostrar interese por participar nestas representacións. Nesta edición colaboran aficionados chegados dende Lugo, A Coruña, Melide, Arzúa ou Laza, entre outros destinos.

Nas representacións participarán 103 persoas e máis da metade están vinculadas coas parroquias de Albá e Santo Xusto


INTÉRPRETES. Son estes actores e actrices os verdadeiros artífices de que cada edición de Son d'Aldea supere a anterior. Algúns xa teñen unha notable experiencia, como as veciñas Alicia Pérez e María Expósito, que participan no roteiro desde a súa primeira edición. Afirman que o que máis lle gusta é ver "a xente e o ben que o pasa".

Afonso García explica que hai meses que comezaron a preparalo todo, pero xuño, xullo e agosto son sempre os de máis traballo. Como mínimo soen quedar unha vez á semana cos actores dos distintos escenarios, pero hai escenas onde son os propios intérpretes os que piden ensaiar máis.

Nestas historias mestúrase a realidade coa ficción. Afonso García explica que "hai algún escenario como A Señora do Castro que está centrado no castro de Albá. Nel se narra unha lenda onde dúas mozas van levar unhas galiñas á señora do castro a cambio da protección para a aldea". Outra historia moi particular é A Dentada. Nela Manuel Suárez, un veciño de Vimianzo, conta a historia dun neno de cinco anos que foi atacado por un lobo mentres xogaba co seu primo. O público sorprenderase, sen dúbida, do final.

Na maioría dos casos, son historias, como esta, inspiradas nas propias vivencias dos veciños e que as transmiten deste xeito ás novas xeracións, coa finalidade de que os máis mozos non esquezan que a aldea, a pesar da crise que está vivindo, continúa a ser o piar fundamental da sociedade actual.

Albá prepara o seu salto atrás no tempo