"En ‘Juego de tronos’ atopas personaxes moi desenvolvidos a nivel psicolóxico"

Alba Campos: "É preciso que os coidadores se permitan coidarse e non se sintan mal por iso"

A psicóloga guitiricense é a encargada de impartir, ao longo dos vindeiros meses, a xornada ‘Coidar ao coidador’, as reunións da Escola de Familias e os talleres de estimulación cognitiva, relaxación ou insomnio, todas elas propostas que o Concello inclúe na súa oferta de actividades para a veciñanza.
Alba Campos, no Campo da Feira de Guitiriz
photo_camera Alba Campos, no Campo da Feira de Guitiriz

A PSICÓLOGA Alba Campos, veciña de Guitiriz, conta con formación en Terapia Familiar, Primeiros Auxilios Psicolóxicos ou EMDR -siglas inglesas de Desensibilización e Reprocesamento polos Moventos Oculares-, bagaxe que lle será moi útil para as actividades promovidas dende o Concello de Guitiriz das que se encargará nos vindeiros meses.

O venres imparte a charla ‘Coidar ao coidador’, cales son as problemáticas ás que se enfrontan os que teñen dependentes ao seu cargo?

Esgotamento físico e emocional debido a sobrecarga que supón ter a unha persoa dependente ao cargo, o cal conleva moitas veces que se esquezan de coidarse a si mesmos. Por iso penso que é importante facer actividades coma a do venres, nas que ese é un dos temas que imos tratar. É preciso que as persoas coidadoras se permitan coidarse e que non se sintan mal por iso. Este tipo de xuntanzas tamén lles axudan a sentirse máis comprendidas, porque coñecen a persoas que están pasando por situacións, emocións e pensamentos semellantes aos seus.

Ata decembro imparte un taller de estimulación cognitiva para maiores, que lles achegan este tipo de iniciativas aos asistentes?

A mellora e o mantemento das diferentes funcións cognitivas que se van traballando nas sesións semanais, ao tempo que tamén lles supón un momento de interacción social cos compañeiros. Este taller faise dende hai anos en Guitiriz e Parga, unha vez á semana de outubro a maio, con moi boa acollida. Está destinado a maiores de 60 anos ou menores con deterioro cognitivo, polo que ten a función de intervención e de prevención ao mesmo tempo.

"Búscase que a Escola de Familias sexa un lugar de información e formación para os que participan, onde compartir ideas e reflexionar"

Onte comezaba en Guitiriz unha nova tempada da Escola de Familias, que obxectivo ten?

Búscase que sexa un lugar de información e de formación para os asistentes, así como un momento no que compartir ideas e reflexionar entre todos sobre diferentes temáticas e no que se propoñen temas novos para tratar. En xuño decidimos xuntos de que falariamos nas próximas sesións, coa idea de que as familias vexan cubertos os temas que máis lles interesan, como era o caso da educación emocional, sobre a que traballamos onte.

Cales serán as seguintes sesións?

‘O acoso escolar’, o 16 de outubro; ‘Avós e avoas coidadores’, o 30; ‘Educando en igualdade’, o 20 de novembro; e ‘Educar na sexualidade dende a infancia’, o 11 de decembro. Estas sesións, que serán todas ás 19.00 horas, están orientadas para público en xeral, xa que todos e todas somos familia.

Tamén imparte un taller de insomnio. Abusa a sociedade actual dos fármacos? Hai alternativas?

Penso que si se abusa en xeral dos fármacos e no caso do insomnio está moi claro, posto que é habitual atopar persoas que che din que toman unha pastilla para durmir dende hai moitos anos, e aínda así seguen a durmir mal. A alternativa sería ter maior acceso gratuíto a unha boa axuda psicolóxica dende que comeza o problema de insomnio, posto que na maioría dos casos cando a persoa solicita axuda psicolóxica xa leva moitos anos con medicación. Tamén hai situacións nas que unha persoa pode precisar a medicación durante un período de tempo concreto, sendo o ideal poder combinala coa axuda psicolóxica.

Nesa mesma liña, prográmanse clases de relaxación, a ansiedade, o estrés, son males modernos?

Non creo que sexan males modernos en si, se non que máis ben antes non se lle daba tanta importancia ao benestar emocional, cousa que cada vez se fai máis. Aínda que si que é verdade que a sociedade actual leva a un maior desenvolvemento da ansiedade polo ritmo de vida máis acelerado que levamos e a sensación de ter que estar ao 100% e ter éxito en todos os ámbitos da nosa vida, cousa que moitas veces non é posible nin realista. Este novo taller preventivo tivo moi boa acollida, polo que formamos dous grupos semanais onde a maioría dos asistentes manifestan que precisaban un servizo así para aprender a manexar o estrés diario e conseguir así unha maior sensación de relaxación.

"O taller preventivo de relaxación ten boa acollida, os asistentes queren aprender a manexar o estrés diario"

O Concello tiña un servizo de atención psicolóxica gratuíto, do que vostede era responsable, que se prevé que teña continuidade. É un servizo municipal necesario?

Penso que si, posto que a resposta da xente ao servizo foi moi positiva. A gran maioría de persoas que acudiron agradecían poder telo na vila para non ter que desprazarse, así como que fose gratuíto, xa que en moitos casos non se poden permitir pagar o número de sesións que realmente precisan. Ademais, a atención que recibían era continuada, o cal permitía crear unha relación de confianza máis rápido, neste caso comigo, e polo tanto avanzar antes na busca dunha solución á problemática coa que a persoa acudía ao servizo. Teño que destacar que a coordinación cos servizos sociais do Concello e coas orientadoras do instituto e do colexio foi moi boa, o que facilitou o aproveitamento do servizo de atención psicolóxica.

A psicoloxía está estigmatizada?

Penso que aínda está estigmatizada, sobre todo nos lugares máis pequenos como nos pobos, aínda que atopes xente que di sen problema ningún o de «vou ao/á psicólogo/a». Creo que a tendencia é ir cara á normalización, aínda que a pasos pequenos. Penso que contribúe a pouca accesibilidade que hai aos servizos de psicoloxía gratuítos, polo que quero agradecer ao Concello de Guitiriz por poñer en funcionamento este servizo que achega a psicoloxía á xente, e que polo tanto axuda á súa normalización.

No día a día fai fronte a moitas persoas con circunstancias difíciles, é posible desconectar e non levar eses problemas para a casa?

Si é posible e tamén é necesario para poder axudar á persoa que acode a ti como profesional, posto que precisa alguén que lle axude a centrarse nas solucións e non nos problemas. Aínda que isto non quita que haxa casos dos que coste máis desconectar, xa que te atopas con problemáticas de todo tipo. Neste sentido tamén axuda ver o cambio da persoa que tes diante dende o primeiro momento que vén, no que é incapaz de ver ningunha solución, a cando xa comeza a vela.

Comentarios