Aire para el fuelle, en la tierra de Abeancos

Son os de Melide de natural gaiteiro. E non cabe na palabra sentido pexorativo. Foi o capitel de Melide -hoxe no Museo de Pontevedra- a primeira representación gráfica dun home apertado a un fol en Galicia e teñen nación nesta terra Os Garceiras, nome totémico da música tradicional do país; os do Gabriel dos Ánxeles, ese home que tantos dos que participen esta fin de semana na sétima Foliada de Melide deberían venerar (se é que non o fixeron xa, ollo).

Melide é un deses sitios que trascenden a división provincial que fixo un en Madrid no século XIX. Á mesma distancia de Lugo ca de Santiago -en quilómetros, que non en tempo-, os melidaos reivindícanse como ‘Cerne de Galiza’; nacen no Clínico de Santiago e confírmaos o bispo de Lugo.

Benvidos á Terra do Medio, á capital da gándara central de Galicia, segundo lle di o escritor nativo Vázquez Pintor. Está o cumio do municipio (e da provincia administrativa da Coruña) no Coto do Pilar dos montes do Bocelo. Impagable, así mesmo, a ollada da gándara da Madanela desde as estribacións da serra do Careón na parroquia do Meire, xa preto dos dominios da Ulloa e berce da Pena do Raposo. Quizais o accidente xeográfico máis determinante sexa o Furelos, augas preñadas de troitas que veñen das Brañas de Toques e morren no Ulla, sen coñecer máis comarca ca esta.

Benvidos ao arciprestado de Abeancos que lle legaron ao bispo de Lugo Odoario no tempo dos mouros. Altomedieval é a configuración urbana do burgo vello melidao: o centro histórico, a zona dos viños que mañá a mediodía amplificará as repichocas do concurso de Cantos de Taberna, o territorio dos artesáns do coiro e das melindreiras. Presta gastar os zapatos pola mañá desde a porta da Moa -que se colle no cruce, desde a parada do Freire-, por diante da de Parrado, e dar coa Praza das Coles, onde estivo o centro neurálxico da vila. Entre lusco e fusco será parada obrigada para os participantes no serán gaiteiro.

Benvidos ao punto onde conflúen o Camiño Primitivo e a Vía Francíxena a Compostela. Casan na Rúa Camiño de Ovedo -non hai errata-, que nace no Obradoiro á melidá: a Praza do Convento. Velaí a igrexa parroquial de San Pedro ou convento do Sancti Spiritus; o consitorio, nun pazo brasonado do século XVII; a Obra Pía de Santo Antón e o hospital de peregrinos, que é hoxe sede do interesante Museo da Terra de Melide. Recomendable asomar o nariz pola repostería da Melchora e pola zapatería tradicional do Laia.

Benvidos á capital irmandiña que lle deu as costas ao arcebispo Alonso de Fonseca. É por iso que no Castelo de Melide non hai castelo algún, senón o cemiterio municipal e a capela do Carme do Castelo, de moita devoción no municipio. No promontorio que preside o centro da vila, moi preto do albergue de peregrinos, non queda nin croio do que foi a fortificación. Reciclouse, ao parecer, na parroquial de San Pedro e a portada do castelo puidese ser a que ten hoxe o museo. A culpa de tal desfeita? Dos Reis Católicos.

Benvidos -en último lugar- á actual capital da movida no interior de Galicia, con locais frecuentados por mozos de tres provincias e parte do estranxeiro. A primeira hora, os viños, entre pedra vella e portas con escudo; polo medio, locais de transición na Avenida de Pontevedra e macrodisco na Avenida de Lugo; a última hora, os pubs na Rúa Galicia e achegadas... O rocanrol (en directo), no Gatos, na Fundación e na sala 600, cunha programación que para si quixeran algunhas cidades.

«Melide, Melide, terra da alegría; cento un bares e ningunha librería». Estendeuse hai anos este dito. Unha malintencionada -e mentireira- lenda vilega.

Están os bombos cargados para esta fin de semana. Manda a música tradicional desde as 11.00 de mañá ata que o domingo se poña o sol. De compango, xogos tradicionais, animación de rúa e artesanía para o gaiterio, para o pandeireteiro... e para o cidadán en xeral.

Ao carón do xen gaiteiro, no ADN mitocondrial dos melidaos hai inscrita unha capacidade para o mercadeo como non se coñece outra desta marxe do Padornelo, disque por herdanza maragata. A pé ou no coche de liña. Nos autos de Puntero, polas feiras da contorna, venderon zapatos, zocos, queixos, pitas e, por suposto, melindres, ricos e amendoados...

A vila zumega hoxe ese feito diferencial feirante. As cantinas e ultramarinos de toda a vida -do Aceiteiro ou do Ribeirao- están reconvertidos en gastrotendas delicatessen, pero un de Melide nunca lle poñería tal nome ao seu comercio. Aínda hai clases.

«Aí me vén o arroz de Calasparra e teño logo que descargar un camión de cento cincuenta cochos». Na Adega do Tío Juanito, un século a despachar en Melide cumprido o ano pasado, hai unha saca de garavanzos «especiales do Juanito», dos que fan callos mesmo sen lle botar carne.

Hai quen xura que non hai lugar na bisbarra onde se atopen follas de bacallao coma as do Juanito, e ten o local todo o aquel dos coloniais doutro tempo. Cos seus frascos de vidro para os caramelos de café con leite e as botellas de Sanson e Málaga Virgen. Ao tempo, Juanito terceiro conta que lle vai mandar a unha clienta de Bilbao unha foto por correo electrónico dunha encarga que lle fixo.

Non é esaxerado dicir que Melide é o lugar de Galicia onde mellor se percibe que a parada escolar de Pascua prolóngase ata o luns en Euskadi. Bule de almas o cruce e recoñécese o sotaque dos «jolines», que así lles chaman por esta banda aos emigrados á marxe esquerda da ría de Bilbao que engrosaron a nómina de prexubilados de Altos Hornos.

Amola entre os que resistiron na terra natal o «esqueallá...» que comeza moitas das frases dos emigrados, pero no comercio de Melide aprézanos como os bos clientes que adoitan ser. O Juanito, chancea: «Eles traen aquí os almanaques e levan o coche a rebentar de patacas, chourizos...».

De cara ao visitante, veñen de serie os de Melide cun aquel falangueiro e cun punto de orgullo patrio resumido nun berro atávico: «Si, si, si; somos de Millí!», autoparodia do topónimo deturpado e retrouso colectivo das manifestacións festivas.

As garrafas dos melidaos e as cantimploras dos peregrinos recollen a diario a auga da fonte do cruce, que algún día estivo no claustro do mosteiro de Sobrado. É costume dos vilegos camiñar ese Hollywood Boulevard que é o cantón de San Roque -coas súas terrazas a reteque de xaneiro a decembro-, a alameda e ata un paseo das estrelas.

As xentes de alén Boente, de máis aló do Coto, á outra beira do Careón e ao sur de Moldes fixeron deste cantón o seu centro comercial dos domingos. Hai mercado e abren as tendas. Iso si, non hai forasteiro que ouse pisar un burguer na terra das colas multitudinarias nas portas das pulperías.

+ INFO

 
 

 
0'0 (0 votos)

Comentarios