miércoles. 28.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 28.10.2020
El tiempo

Aire e auga son dereitos humanos

CHINA É país enorme e kafkiano onde convive o comunismo máis ortodoxo co capitalismo máis desapiadado. O cinismo do capitalismo máis depredador parece percorrer os mesmos vieiros desde que na Rusia de principos dos 90, un tal Yeltsin empapado en vodka, malbaratou as inmensas riquezas do dinosauro soviético. E alumbrou una nova caste: os oligarcas.

A última e aterradora noticia china é que privatizan o aire. O asíxeno pertence a sucias empresas que inundan o mundo e mesmo colonizan continentes enteiros como África con mercadorías baratas. Esta produción masiva a prezos moi competitivos é doado cando non se respecta o medio ambiente, cando se envelena o planeta de todos, cando a man de obra é moi barata, e allea á conquista dos dereitos humanos. Así que nas paisaxes urbanas chinesas -Pekín, Guandgdong, Fujian, tres exemplos- aparece un elemento novo no vestiario: máscaras antipolución.

Alí os nenos teñen vedadas as rúas e perderon o dereito a respirar aire puro. Os velenos químicos e os malos fumes prohiben os xogos nas prazas. E os parques son espazos letais para a vida. O aire de todos pertence a uns poucos. A competitividade, palabra tan sucia, das empresas chinesas, está por riba dos dereitos humanos, esa conquista que estamos a perder na vella Europa. Porque aquí tamén temos os nosos depredadores que tentan privatizar outro elemento esencial para a vida: a auga. O presidente de Nestlé, un tal Peter Brabeck-Letmathe vén de vomitar que «a auga non é un dereito humano». Como todos os parvos que non morren de vergoña diante do espello, di que a frase foi sacada de contexto. O contexto é que Nestlé é a principal embotelladora de auga do mundo. E que sen dúbida ao seu negocio iríalle moito mellor se a auga de todos se privatiza nas mans de poucos. Pero a pesar deste executivo obscenamente pagado, e cunha voracidade polos euros que lle impide ver as persoas, a auga pertence ao planeta. Nin sequera é patrimonio da humanidade senón de todos e cada un dos ecosistemas, dos seres vivos e os entornos nos que viven.

A auga embotellada é a que máis contamina. Cada día acaban na natureza millóns de botellas de plástico que tardan centos de anos en degradarse. Certo que moitas se reciclan pero outras acaban cubrindo terras e mares cunha pel de plástico. No Pacífico, entre as Hawai e a costa oeste USA hai un mar de plástico cunha superficie maior que Francia.

China comunista ou Nestlé capitalista van da man no negocio xigantesco de privatizar dous elementos esenciais para a vida: o aire que respiramos, a auga que bebemos. Eles son os inimigos do planeta, a casa común onde, como recorda o nixeriano Ken Saro-Wiwa, escritor e candidato ao nóbel da Paz, ‘o medio natural é o primeiro dereito humano’.

Aire e auga son dereitos humanos
Comentarios