Aínda hai clases

CANDO DANIEL Defoe escribiu a historia do náufrago Robinson Crusoe creou moito máis que unha fantasía que ía engaiolar aos lectores ávidos de aventura, xa que fixo tamén un atinado retrato do nacemento do capitalismo. Porque Defoe, ademais dun gran contador de historias, estaba moi atento ás condicións de vida na Inglaterra de hai trescentos anos. Así chegou a denunciar as grandes diferenzas entre as clases sociais, que el estimaba que eran nada menos que sete, desde os máis poderosos aristócratas ata os pobres de solemnidade que ocupaban o último chanzo.

Nunha época carente de todo tipo de servizos asistenciais, as condicións de vida desta xente eran terribles, no caso das mulleres eran desesperadas e, de feito, Defoe escribiu tamén unha novela (‘Moll Flanders’) abordando esas penurias. Pero Inglaterra estaba en plena transformación; as colonias serviron de vía de escape para moitos deses desgraciados, e axiña apareceron as fábricas que deron paso a unha nova clase social, a obreira, que foi conquerindo dereitos ata ficar lonxe da noción da pobreza extrema. Este tránsito tamén se deu, máis tarde, en moitos países europeos, ata chegar a un momento no que se considerou que nas sociedades modernas apenas había tres clases que, para simplificar, se denominaban como alta, media e baixa.

En tempos máis recentes, e no contexto da chamada sociedade do benestar, creamos a ficción de que todos eramos clase media. Sociedades constituídas por propietarios dunha casa, un coche e probablemente casa de vacacións. Hoxe, coa crise, este modelo está en cuestión. Rematarei con outro exemplo tomado de Inglaterra, onde a BBC, coa participación de varias universidades, ven de facer un estudo no que se conclúe que hai sete clases sociais (as mesmas das que falara Defoe hai tanto tempo!) Este sorprendente fenómeno explícase pola aparición de novos colectivos á marxe das clases convencionais, como os dos xoves profesionais con altos ingresos e sen cargas familiares que, sen ser ricos, viven como se foran e, pola contra, outros tantos xoves frustrados, con cualificación ou sen ela, con salarios de simple subsistencia.

Con todo, o máis preocupante é que volve haber pobres, como hai trescentos anos e que, de prosperar o recente plan do primeiro ministro David Cameron, tampouco haberá unha beneficencia para socorrelos.

Comentarios