Aguillóns da memoria

NON CREO que unha imaxe multiplique por mil o valor das palabras, ainda que estou seguro de que se trata dunha apreciación persoal insignificante, que posiblemente ha ter a sua orixe e explicación en servidumes biográficas evidentes, ou se queremps, palmarias. O caso é que vin un spot televisivo, que anuncia o sorteo da lotaria do Nadal, protagonizado por variadas persponaxes de fama e, sen axuda das redes sociais, comezo a dubidar da aludida convición sobre o valor das imaxes, porque o anuncio foi quen de transportarme en segundos, a outro mundo, quere decirse a outro tempo. Expliquémonos.

Cóntase que cando D.José Solis era ministro Secretario Xeral do Movimento, ou sexa ao mando delegado do partido único, alguén tivo a feliz idea aperturista -quizais un falanxista morno e contaminado-, de programarlle unha visita á República Francesa, á capital concretamente. Á diplomacia do pais veciño prantexouselle imediatamente un grave problema protocolario: atopar o ministro homólogo que acudiria a recibilo, árdua tarefa que se solventou facendo unha interpretación literal, e estrictamente etimoloxica, da función que deberia ter o ministerio español, que en boa lóxica sería a de mover, de tal xeito que se lle encomendou a recepción ao ministro galo de Transportes. Ignoramos quen era daquela o sen dubida sorprendido cargo publico, pero supomos que debeu sofrer unha especie de abducción, unha vez que se enterou de que aquel gracioso e rebuldeiro dignatario, era o equivalente de Borman, ou de Hess, ou de calquer outra figura rutilante dos reximes derrotados na guerra mundial. E o mesmo me pasou a min co anunico publicitario da lotaria: lembrei aqueles festivais de Nadal, que tamén retransmitía a televisión, e que presidia a sua excelencia a dona do Xefe do Estado, e onde un dos protagonistas do aludido spot, xa facia as mesmas monadas coas que remata o anuncio, ainda que agora sen os indixestos ditirambos á ‘Señora’. Qué noxo!

Realmente, velaí o fondo máis acaido para esta especie de memorial de homenaxe ao vello réxime. O inefable ministro de Facenda fala de que a Axencia Tributaria estaba chea de socialistas, seguramnente nun arrauto de prudencia, porque estamos certos de que no seu círculo fala de «rojos», ao fin e ao cabo os seus predecesores ideológicos, postos a ser moderados, acuñaron aquilo de «los de la cáscara amarga». E xa en plan ‘revival’, enterémonos, a través dunha emisora, do caso da muller dun conselleiro do goberno de Castilla La Mancha, que foi intervida cirurxicamente nun hospital público de aquela comunidade, galgando por riba das listas de agarda. Pero o máis significativo non é o feito en si mesmo, a pesar da sua gravedade, senón as declaracións dun alto cargo do departamento, explicando que se abriria unha investigación para ver quen filtrara a noticia. Claro, isto en vida do innombrable non pasaba.

Comentarios