O Centro Dramático Galego no agora e na hora

O Centro Dramático Galego vive na corda frouxa sen elefantes que o randeen ► Entre probas mal convocadas, falsas promesas de independencia e as limitacións dunha profesión que nunca acaba de crer as proclamas que pronuncia ► O CDG mira ese pozo sen fondo de non saber quen é, disposto a dar un paso adiante

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

A CULPA NON é de Valle Inclán nin da súa manía polo esperpento. A culpa está moi ben repartida porque ninguén quere facerse cargo dela. A xente mira o Centro Dramático Galego pensando que é un asunto dos de Compostela con eses oficios de falar moito e madrugar pouco. As crises torturan os cartos e as memorias e xa ninguén lembra que o CDG foi a máis coñecida institución cultural deste país autonómico. É certo que despois comezou a facer teatro e os espectadores foron encontrando a porta de saída. 

O Centro Dramático Galego vive enfrontado a esa idea de que non hai carácter para pechalo pero tampouco para botarlle de comer. É un can que non ladra. Ten a ración reducida ata convertelo nun bonsai minúsculo dunha árbore pequena. Non lle pasa só a el. Sucede co CGAC ou co CGAI. Case todas as institucións culturais postas en marcha polo autonomismo viven hoxe nesa terra de ninguén. 

O CDG leva un monte de anos sen dirección. Capeando o temporal de quedar no fondo dun panorama en permanente redución. O buque insignia dos escenarios galegos foi quedando reducido nun pin e todos fomos aceptando que era así. Porque as montaxes non eran boas, porque había compañías mellores, porque quedar no medio dá menos traballo, porque o director non dirixía ou porque dirixía. Foi quedando así porque a profesión esixe moito e apreta pouco e porque o Centro ten maldición de que os elencos que funcionan ben noutras compañías non funciona no CDG. Pero tamén quedou así porque desde o fraguismo para acá case todo o mundo aceptou con mansedume esa receita de que a cultura galega é unha reserva india na que se reparten licenzas de casino e días das letras galegas. Ninguén está libre desta culpa. 

A última desgraza, como diría Vidal Bolaño, do CDG é a convocatoria dunhas probas para o elenco no que actrices e actores son contratados como se fosen persoal laboral da Xunta. Ten un punto divertido porque é para facer un Valle e esta é a segunda vez que o dramaturgo causa un despropósito no Centro Dramático Galego. Entre aquel 1998 e este 2017 hai un punto en común: a manía de que unha institución pode rexerse contra a natureza da súa existencia. Daquela porque a alguén se lle meteu na cabeza que o Centro podía utilizar o castelán como lingua e agora porque alguén acepta que escoller un elenco ten que ser unha contratación normal da administración autonómica. Como dicía un presidente dos Usa que non era negro, se aplicas unha lei xusta nunha circunstancia impropia, a lei é inxusta. 

Alén de que un director ou directora queira traballar con xentes familiares, parellas e amigos durante os tres meses que dura unha montaxe, no mundo enteiro respéctase esa lei non escrita da liberdade do director para escoller. É esa mesma liberdade coa que o CDG botaba balóns fóra cando a obra era un truño: "Non se debe inteferir no traballo dos artistas, acabe como acabe". 

O Centro arrimouse outra volta ao cantil da súa desaparición. Dubidando se dar un paso adiante. Pero o problema non é se as probas son deste xeito ou do outro. O problema é que cando non se quere algo aplicamos a lexislación vixente. O asunto de verdade é quen puxo en marcha a deterioración do Centro Dramático Galego e por que aceptamos esa versión dun teatro minimizado nun país minimizado.

Comentarios