Agora cean

NON É O QUE parece a primeira vista. Cear ou ciar no noso idioma non significa só comer á noite, senón tamén dar marcha atrás.

Agora -a verdade é que moi logo- alguén no goberno decatouse de que o consumo se vería afectado gravemente polas reducións salariais dos que aínda teñen salario. Os directamente afectados, funcionarios e empregados de empresas vivas con redución salarial, víronse obrigados pola necesidade a reduciren o seu consumo. Redución máis que proporcional da correspondente salarial, xa que se dá con suba de prezos de bens imprescindíbeis e deuse con aumento do aforro forzoso en previsión de gastos futuros.

Alguén, sobradamente intelixente e sobradamente preparado, decatouse de que era mellor anunciar unha devolución das retencións, un adianto a xaneiro da paga extra de xuño (¡!) ou unha paga atrasada da extraordinaria de decembro como correspondente a xaneiro. Semella que o problema se resolve cambiándolle de nome á paga extra. Foi sinxelo. Suprimida a paga extra de decembro, págase en xaneiro, cúmprense os obxectivos 2012, e, no 2013, voltamos a facer o mesmo e na UE tan tranquilos. Foi fácil. A min góstame. Inspírame unha conduta cidadá ao xeito. Así, por exemplo, imaxinemos que unha empresa ten una débeda, ou que nós como cidadáns temos unha débeda coa administración pública, unha cousa leve, por exemplo, unha multa de tráfico. Pois ben, seguindo co exemplo que a Administración do Estado nos ensina, escribimos nun papel e entregámolo dicindo: non nos facemos cargo da débeda. Esperamos un pouco de tempo e, como é lóxico, seguindo os procedementos legais ao uso, recibimos un requerimento de pago en vía executiva. Contestamos: era broma, si que pago, suprímelle o recargo e pago o mes que vén. Non se suprime o recargo nin cousa que se pareza pero eu pago o mes que vén e fago un recurso para o recargo. O circo remata cando, á fin do período de recursos, o afectado debedor paga o triplo do prezo da sanción debido aos incumprimentos, aos retrasos, á perda de tempo en trámites, e en intereses xerados.

Á economía dun país pásalle algo parecido: o que non se gastou hoxe xerou unha cantidade de efectos en cadea que acaban coas actividades que dependen do consumo. Amagar con gastar mañá non serve de nada ao comerciante que tivo que pechar, ao fabricante que está en suspensión de pagos, ao transportista cesante por falta de actividade e aos traballadores no paro afectados polos despedidos deses cesamentos.

É unha broma pesada e de moi mal gosto dicir agora que se pagará o mes que vén aos funcionarios. É un atentado ao cumprimento das leis que establecidas lexitimamente determinan por ano cal ha ser o gasto público -salarios e soldos dos funcionarios incluídos- xa que inflúen de forma decisiva nas actividades económicas que sosteñen unha parte do tecido económico.

Comentarios