Martes. 13.11.2018 |
El tiempo
Martes. 13.11.2018
El tiempo

Aeronave esnaquizada

É un ‘Eurofighter’. Esnafrouse o día 8 pasado, en Morón. Na manobra de toma de terra. Pilotado por un rapaz de 30 anos con mais de 600 horas de voo en ‘cazas’. Quedan: unha meniña sen pai, unha muller sen home, uns pais sen fillo e unha sociedade sen un membro cualificado.

Os cazas deste tipo disque son os mellores do mundo. Foron fabricados por un consorcio de empresas alemás, italianas, británicas e españolas, que lograron despois de varios prototipos, un exemplar modelo, coas máis sofisticadas técnicas creadas polos seres humanos para matar, matar ben (é dicer, sen risco de se equivocar), matar a distancia -mesmo a moita distancia- por terra mar e ar, con moita capacidade en carga e de autonomía en voo. Mesmamente cada caza pode levar (e leva, até en manobras) misís de curto alcance (poden ser de tres tipos, hai variedade), misís de longo alcance (de dous tipos), antibuque (2), antirradiación (3), misís para apoio aéreo próximo (2), misís de cruceiro (2), bombas guiadas (4) e/ou bombas de caída libre retardada de 500,1.000 ou 2.000 libras (que neste caso aínda non se mide polo sistema métrico decimal).

Cada nave destas, chamada caza en memoria e recordación do máis nobre labor depredador dos homes alá polo Paleolítico, que é igualiño que dicer onte á tardiña, costa en primeira venda, ou sexa, só o aparato, 62,9 millóns de euros, pero está admitido que a imputación orzamentaria de cada unidade ronde os 200 millóns porque ao cacharriño hai que lle engadir os complementos para ser ‘todo equipo’ e máis o mantemento.

Despois de soportar 3 accidentes, 2 mortais, no tempo de vida destes artefactos de morte, do moi elevada técnica, quizabes sexa momento de se facer a pregunta clave de a quen se quer matar, xa que se os cazas portaarmas aos primeiros que matan é aos propios pilotos, debe haber algo que falla. Deben miralo.

Eu non podo, nun tema como este, nen sequer dar unha opinión desas dos que falan na ‘tele’. Imaxínense que escribo que o adecuado é situar a carga mortal noutro punto para que na aterraxe o centro de gravidade non se desprace bruscamente. Parvadas, que saberemos os simples mortais de misís IRIS-T ou de AIM-9, que poderemos dicer atinado: nada. Por iso voume limitar a opinar da morte non desexada de ninguén en acto de guerra ou disuasorio (que manda truco o tamaño da disuasión!!!).

Teño unhas preguntas que me parecen importantes e non sei a quen, nen onde, poderían ser formuladas. Son estas: para que se necesitan estes ‘eurofighter’ ou outros ‘cazas’? Por que debemos ter un poderío aéreo de defensa? Por que debemos ter superioridade aérea na Península e estar preparados ante posíbeis ameazas exteriores?

Quen ousa ameazarnos? Cos ‘aparatitos’ de misís xa non nos ameazan? Non dixeran que estar na Otan era suficiente? Estou convencida que son minusválida intelectual en defensa, porque a ameaza exterior horríbel que sofremos (ultimamente) foi a marea negra do Prestixe e non houbo ‘eurofighter’ ou ‘caza’ que a disuadise.

(Ha continuar).

Aeronave esnaquizada
Comentarios