martes. 11.08.2020 |
El tiempo
martes. 11.08.2020
El tiempo

Aeronave esnaquizada (e II)

Despois de curar as feridas que na nosa sensibilidade van pousando as mortes absolutamente prescindíbeis -e refírome ao rapaz piloto dun caza esnaquizado ao tomar terra- póñome a razoar para buscar unha explicación á necesidade de ter cazabombardeiros.

Como xa dixen a semana pasada, teño unha carencia: de entrada non entendo nen comparto -como se dun axioma se tratase- a lóxica do armamento. Non é un bo argumento dicer que todos teñen, que todos os Estados posúen armas de calquer condición, características e prezo. Non vale. Non podemos ter o que teñan outros simplemente por iso. Cada un, cada país, deberá dotarse dos bens necesarios segundo as súas necesidades. No Estado español non fai falla que a Policía teña camelos porque aquí non hai mais deserto que o de Tabernas. Tampouco precisamos corpos de rescate tipo tundra porque carecemos dela. Este argumento non nos serve. Non vale tampouco que, ao estar na Otan, como todos os Estados que son potencia mundial teñen unha forzas militares potentes, nós tamén. Tratemos o tema como se fosemos adultos responsábeis. Ou será preciso recorrer aos razoamentos que os pais lle dan aos meniños cando se encaprichan? «Meu ben, ti non podes pór o brazo de xeso porque non está roto». Non obstante, agora que descendín ao mundo infantil aparecen razóns -instrumentais- que poden ser explicativas: os xoguetes dos homes adultos son tamén as armas. E unha vez comezado o xogo, na sociedade actual, é moi complexo paralo.

Hai unha alternativa, porén, para mandar parar esta loucura de gasto.

Como hai crise, e ademais existe consenso xeneralizado en que no Estado español se vai tardar un pouco en saír dela, en que todos os recursos achegados son poucos, en lugar de cumprir os compromisos de compra de 15 Eurofighter máis, que supoñen un dispendio inasumíbel, os representantes españois poden acudir ao tribunal internacional correspondente e con ese argumento de extrema necesidade (26% de parados) rompemos os compromisos de compra e adicamos os fondos á necesidades básicas. Vexamos: unha hora de voo dun caza do tipo citado (43.000 euros) é como pagar un docente universitario durante un ano. Unha hora por un ano. Non hai comparanza. Cun eurofighter e medio (1’5) págase o que a Xunta de Galiza adica cada ano (1 ano!) ás universidades galegas. Con outro caza case se cobre (1 ano) o orzamento da dependencia en Galiza. E aforrando outro só, pódese pagar o que está no orzamento da Xunta para comedores escolares galegos durante 10 anos!.

En 2011 -dato censal- había na Galiza 201.052 persoas de máis de 80 anos (en Lugo, 35.927). É sabido que algunhas precisan coidados de todo tipo e outras menos. Cos 200 millóns de euros do prezo de cada ‘caza’, é evidente que poderíamos resolver unha boa parte dos problemas de coidado preciso -mesmo no domicilio de cada un- dese conxunto poboacional. Eu atoparíame cómoda con ese gasto e ademais comparto a racionalidade de atender, en primeiro lugar, as necesidades humanas.

Aeronave esnaquizada (e II)
Comentarios