''Admiro a Victoria Beckham porque sueña a lo grande y no se conforma''

Viviana Fernández saborea o éxito coa súa empresa de venda de calzado on line, LolitaBlu.com

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

Encántame identificarme co produto que vendo: os zapatos Lolita Blu. Recibo correos de agradecemento ou con fotos de clientas levando os meus zapatos, e é moi gratificante sentir que contribúo á felicidade desas persoas.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Posiblemente ao mesmo. Cometería os mesmos erros, pero antes.

3. O soño que máis se repite é...

Voar. Non é orixinal pero é certo.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

A inxenuidade de crer que podo facer calquera cousa, de que hai moito tempo. Agora sei que hai cousas que se non se fixeron a certa idade xa non se farán nunca.

5. ¿A quen admira?

Voume mollar, a Victoria Beckham, porque aproveitou tódalas súas circunstancias: formar una familia, converterse na súa propia marca e produto, facerse un oco nunha industria que non lle correspondía, revalorizar e embelecer ao seu home, non conformarse nin acomodarse nunca e soñar ao grande. É unha crack do márketing e as relacións públicas.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Si, de non ter empatizado con moitos compañeiros de estudos. Ía demasiado ao meu rollo e deixei de coñecer a xente interesante.

7. ¿ Votou nas últimas eleccións?

Non votei nunca.

8. ¿Que cita subscribiría?

«A humildade é un luxo que non podo permitirme». É miña...

9. ¿Que coche ten?

Un deportivo descapotable. Non é moi práctico pero simboliza a miña xuventude, a miña independencia, o meu hedonismo... Faime feliz.

10. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?

Os meus bolsos, sempre os compro por enriba das miñas posibilidades.

11. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

A miña casa.

12. Unha toleada que fixera por amor.

¡Casarme! Se o pensas ben, o matrimonio é unha toleada.

13. ¿Hai algo que non lle perdoaría á súa parella?

Moitas cousas, pero case todas se resumen nunha: deslealdade.

14. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Levar traxe masculino, que se lles premie a intelixencia ou a ambición por enriba do atractivo físico, que para eles a xuventude e a inxenuidade non sexan un activo...

15. Non sae da casa sen...

Chaves. Xa quedei na rúa varias veces.

16. ¿Que pecados capitais desculpa?

Aínda que non sexa un pecado capital, o rancor. Sempre digo que o rancor non é máis que o corazón con memoria.

17. Pérdea un bo...

Un bo viño e unha boa conversa.

18. As súas mellores vacacións...

En Shanghai co meu home. Foi coma unha lúa de mel.

19. A paisaxe que máis a impresionou...

En Haití, Cité Soleil e outras zonas que me fixeron crer que o inferno estaba alí mesmo.

20. ¿E a súa materia pendente?

Aprender a cociñar, pero xa estou niso. E tamén son unha surfista frustrada.

«SON DE TESTA NAS NUBES E PÉS NA TERRA»

1. A súa iniciativa empresarial de venda de calzado por internet (www.lolitablu.com) fixo que o Instituto de Empresa a nomee Muller do Mes, e foi contraportada de La Gaceta de los Negocios. ¿Sente a vertixe do éxito?

Estou moi orgullosa de Lolita Blu.com, pero non o vexo como algo extraordinario. E a metade deses logros son da miña irmá María.

2. Ademais de empresaria é escritora, con dous libros publicados. Se tivese que elixir, ¿con que faceta quedaría?

O ideal é gozar da armonía que crean ambas tarefas, que teñen en común traballar coa beleza e as emocións. Iso permíteme ter a cabeza nas nubes e os pés na terra.

3. ¿Mírana por enriba do ombreiro nos ambientes literarios por vir do mundo da moda?

Coido que non, ser emprendedor está moi ben visto e a moda non é frívola. O que levamos posto representa unha linguaxe propia.

4. ¿Rivaliza con Imelda Marcos en número de zapatos?

O importante non é o número, senón o que representan. Darse caprichos é algo san, pero non a costa dun pobo que non ten nin o básico.

Comentarios