''Admiro a los humildes que resisten este desastre social''

(Foto: SEBAS SENANDE)
photo_camera (Foto: SEBAS SENANDE)

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?
Agora teño os traballos que máis me gustan: viaxar, escribir, batallar por este país e cultivar a amizade.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...
Faría o mesmo, pero mellor.

3. O soño que máis se repite é...
Ver como a que foi a ‘miña-nosa’ casa de Orbazai se resiste a marchar do meu espacio vital.

4. ¿Estraña algo do que ten deixando atrás?
Sempre as casas numerosas polas que pasei: A Broza, Martín, Liñares, Orbazai...

5. ¿A quen admira?
Ás persoas sinxelas e humildes que resisten este desastre social.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?
Arrepentirme, non; pero mortifícame non poder mudar a morte da miña irmá Carme.

7. ¿Que cita subscribiría?
«Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma», de Castelao.

8. ¿Votou nas últimas eleccións?, ¿atrévese a dicir a quen?
Ao BNG, como sempre.

9. ¿Que coche ten?
Un Renault Mégane.

10. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?
Unha alfombra azul en Marrocos, en Fez.

11. ¿O seu ben material máis prezado?
Teño moitos, pero por citar algún: unha figura popular de Malí, un cadro de Felipe Senén, unha cerámica de Pérez Porto...

12. Algunha toleada que fixera por amor...
Viaxar ao quinto pino.

13. O máis difícil da convivencia é...
Pasar todo o tempo coa mesma persoa.

14. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?
Moitas cousas: valentía, comprensión, forza, loita firme...

15. ¿Que libro ten na mesiña?
‘Outramente’, de Pilar García Negro.

16. Non sae de casa sen...
O pantalón, ¡je, je!

17. ¿Que pecados capitais desculpa?
A gula nun grado menor.

18. ¿Que é o que nunca falta na súa neveira?
O queixo.

19. Pérdelle un bo...
Anaco de empanada de Monforte.

20. Séntese cómodo con...
Pantalón vaqueiro.

21. ¿Que calzado lle gusta levar en cada ocasión?
Botas cómodas para camiñar, zapato de cor para vestir e zapatilla para a casa.

22. Unha peza que deteste...
A gravata.

23. As mellores vacacións da súa vida foron...
En Siria.

24. A súa viaxe soñada sería a...
Á Palestina dos palestinos, e tamén a Iraq.

25. A paisaxe que máis o impresionou...
Os vales interiores da Capadocia co canto do ouriol no silencio do solpor.

26. Un libro, unha película e un grupo musical.
‘A esmorga’, ‘Brokeback Mountain’ e The Beatles.

27. ¿Cal é a súa materia pendente?
Sempre o próximo libro.

"SON SIBARITA, PERO SEN CHEGAR A CAER EN EXCESO"
1. É un apaixoado da decoración, da boa mesa. O que se di un sibarita...

 

É certo que son amante de todo iso, pero sen caer en ningún tipo de excesos.

2. Como militante histórico do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ¿que sente coa situación que está a vivivir nestes momentos o partido?

Sinto tristeza, por iso e pola situación política e social que todos padecemos. Todo ten relación.

3. Recentemente trasladou a súa residencia de Lugo á cidade da Coruña, ¿sinte morriña da súa terra?

Pois si. Lugo é unha parte da miña vida que aínda así continúo a manter esperta.

4. É un viaxero impenitente, ¿que busca e atopa nas súas escapadas aos destinos lonxanos e exóticos que lle gusta visitar?

Quizabes o mundo rico e comunicativo da miña infancia, ese que nos foron destruíndo. Os países empobrecidos que tanto me gusta visitar son máis ricos ca nós en canto ás relacións humanas.

5. Exipto é o seu destino máis recorrente, ¿pensa que aínda se poden aprender cousas desta civilización?

Sen ela non se entendería o mundo e as culturas variadas que temos. Exipto é tan importante para o resto das nacións que se eu tivese poder axudaría a que todas as persoas coñecesen ese país marabilloso.

Comentarios