martes. 31.03.2020 |
El tiempo
martes. 31.03.2020
El tiempo

"As administracións deben clarificar as competencias que ten cada unha", di o alcalde de Cervo

Alfonso Villares, alcalde de Cervo e vicepresidente primeiro da Fegamp
Alfonso Villares, alcalde de Cervo e vicepresidente primeiro da Fegamp
Alfonso Villares defende a prestación de servizos ao cidadán e o estudo de fórmulas que fagan rendibles os sectores estratéxicos de Galicia

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, volveu ser a aposta do PP para ser representado na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Despois de catro anos coma vicepresidente executivo xunto ao agora conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, o cervense afronta esta nova etapa como vicepresidente primeiro coa mesma ilusión e ganas de traballar. Para empezar márcalle un reto, non só á Fegamp, senón tamén ao resto das administracións: clarificar as competencias que ten cada unha. 

Villares tamén apela á unidade dentro da federación e á busca de puntos de encontro entre os representantes públicos "polo ben dos veciños". Ademais, sostén que as administracións locais son a canle máis próxima coa que contan os cidadáns para trasladar á administración as súas inquedanzas, e por iso sostén que son os alcaldes os que teñen que explicar precisamente esas competencias das que antes falaba: "Os que estamos abaixo somos os que vemos e canalizamos as demandas da xente e ás veces plantéxansenos cuestións que non dependen de nós e tócanos explicar as decisións que toman as administracións superiores e teremos que facer o esforzo de explicar esa xestión que se está a facer do público, de maneira que todo cidadán o poda entender". 

MUNICIPALISMO. Precisamente esta defensa da política próxima á xente é a que caracteriza á Fegamp, un municipalismo forte que se sitúe por riba das distintas cores políticas que conforman o mapa galego para buscar puntos de encontro e traballar polo ben dos veciños de calquera concello. "É preciso falar de municipalismo e non de partidos", insiste Villares, "seguiremos defendendo o servizo aos veciños e, sobre todo, tendo en conta a singularidade do territorio galego".

Neste senso, o rexedor cervense recorda que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en rexeitar a reforma local, "porque eses cambios podían diminuír servizos e hai que seguir traballando polo ben da xente tendo en conta o noso territorio e as nosas idiosincrasias". 

DESPOBOAMENTO. Esa prestación de servizos que defende Villares non só ten que lidiar coa dispersión xeográfica propia de Galicia, senón tamén co despoboamento, que cada ano se fai máis evidente. O popular recoñece que a Xunta xa se puxo a traballar para intentar frear a sangría demográfica e que dedicará tempo e diñeiro a solucionar ese problema, sen embargo, defende que "hai que ser todos, man a man, os que estudemos medidas para mitigalo". 

Nas súas explicacións para explicar este abandono, sobre todo do rural e máis acentuado nas provincias de Lugo e Ourense, Villares mete o cambio que supuxo a entrada na Unión Europea: "Por exemplo, as explotacións agrarias como se entendían antes, que as xente vivía con catro ou cinco vacas, agora xa non teñen cabida, foi precisa a súa transformación, pero hai fórmulas, como o asociacionismo, para conseguir adaptarse aos novos tempos, porque o que non se pode facer nunca e volver atrás". "Temos que traballar en fórmulas que nos permitan rentabilizar mellor os sectores que máis nos identificaron dende sempre", defende. 

Ligado tamén a esta perda poboacional está a posible fusión de concellos, algo que Villares volve ligar ao mantemento de servizos. "Nos novos tempos hai que intentar facer o posible para que naqueles lugares que resulta complexo manter servizos se podan mancomunar ou buscar a unión de concellos, pero o que non pode dar lugar isto é a unha centralización destas prestacións, que acabe por alonxalas dos veciños". "Está claro que hai que colaborar uns con outros, pero sen esquecer a xente, que non sexan eles os que se vexan perxudicados polas nosas decisións", subliña. 

DEFENSA. O rexedor cervense é un firme defensor da política (con maiúsculas), como puntualiza el: "Falo da política, non das persoas". "Hai que facer as cousas con transparencia e transmitir a xestión pública con naturalidade, para que a xente non se asquee da política", afirma. "Non podemos tirar pedras contra o tellado da política, porque é o único que temos. Non existe outra alternativa á política", sostén. 

Para o popular, o papel dos políticos na xestión pública é tan fundamental que fai unha invitación a todos aqueles que desexen facer algo polo seu pobo: "Se alguén se quere meter na política, que o faga porque é o mellor que temos para decidir sobre a xestión do noso pobo".

Dende esta defensa da política e do municipalismo, Villares agradece ao PP que volvera confiar nel para ser a súa voz no organismo que representa aos concellos: "Volve ser unha honra e unha satisfacción para min que dende o partido se tivera en conta a miña persoa, pero a satisfacción máis grande é estar en Cervo, cos meus veciños e xestionando os seus cartos, algo que intentarei facer o mellor posible", asegura, deixando no aire si xa tivo ofertas para voar fóra da política local.

"As administracións deben clarificar as competencias que ten cada...
Comentarios