miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Acusación manifiesta

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

MARÍA PIÑEIRO é o meu Mefistófeles cultural particular. Téntame como a todos vostedes os sábados e moitos domingos pero ademais ten unha gran habilidade para dar na diana cando nos vemos. A última vez foi directa á liña de flotación: por que non se critica novela nesta columna?

Como ninguén me pediu unha excusa, supoño que este texto actúa de acusación manifesta. A novela é o xénero literario dominante dende un punto de vista comercial e unha corrente interminábel de historias que moldean a nosa visión do mundo. Pero dende un punto de vista máis clasicista, non estamos nun momento especialmente escintilante do xénero. Os aparatos de promoción industrial acósannos ata un punto no que é difícil distinguir o gran da palla e a autoficción vai de camiño a poñer baixo terra as ficcións e novedades estilísticas que trouxeron os séculos da novela, o XIX e o XX a saber.

Eu estou convencido de que para criticar novela o mellor é revisitar aos clásicos… e dase a casualidade de que non son o único que pensa así. É máis, hai quen leva dedicando anos da súa vida a iso cun éxito notábel. E precisamente agora publica o profesor Juan Bravo Castillo, da Universidade de Castela A Mancha, o terceiro e último volume dos seus Grandes hitos de la historia de la novela euroamericana, unha síntese monumental, ousaría dicir que insólita nun mundo cultural hispanofalante especialmente volcado na especialización, sobre o xénero que marcou a narración e a cultura nos dous últimos séculos.

Non puiden evitar poñerme sentimental cando vin a obra nos anaqueis da miña libraría. Hai anos era eu un crítico novato e ousei traerlles a estas mesmas páxinas o segundo tomo da serie. E ademais un doutorando en Teoría da Literatura que contactou co profesor Bravo Castillo para expresar unha admiración que non decreceu cos anos, a pesares de que a nosa relación se limitou exclusivamente ao epistolar. Seis anos estivo dedicado á composición da terceira parte, unha tarefa hercúlea para a que xa entón estaba cheo de folgos.

Estes Grandes hitos estrutúranse en amplos ensaios —chamarlles capítulos sería quedar moi curto— sobre os principais novelistas do século XX: Proust, Joyce, Kafka, Woolf, Faulkner… Cada ensaio está composto dun perfil biográfico-literario e unha fonda análise das obras principais. A diferencia dos volumes anteriores hai un par de pezas dedicadas a colectividades: os autores do 'nouveau roman' —inxustamente esquecidos en España— e da novela hispanoamericana. Como os lectores somos esixentes e o autor excelente, sería marabilloso que tivese engadido un capítulo sobre as literaturas en inglés alleas ao Reino Unido e os Estados Unidos… Lessing, Rushdie, Narayan e outros ben o merecerían.

O crítico non deixa de ser un lector excelente —ou así debería ser— e a lectura ten o seu aquel de motivación. A novela que se está a escribir e publicar agora mesmo —con gloriosas excepcións como Mark Danielewski, Marlon James, Patrick Modiano e algúns autores de xeneracións anteriores— non chama a atención de moitos críticos, que preferimos retornar aos clásicos. Pero a idade de ouro das edicións de clásicos tamén pasou hai tempo e aquí estamos, perdidos neste val fondo e escuro que diría Frei Luis. E ademais, como dicía Wittgenstein, do que non se pode falar o mellor e estar calado. E se o profesor Bravo Castillo dedicou quince anos a repasar a historia da novela ata esgotar o principal que dela pode dicirse, os críticos de a pé só podemos amosar rendida admiración… e dedicarnos a outra cousa.

Acusación manifiesta
Comentarios