Acúfenos

Acúfenos ou tinnitus, escollan, é o nome co que se designa un fenómeno de percepción auditiva que consiste en escoitar golpes ou sons sen que exista unha fonte externa que os produza. A cousa é abondo molesta e pido de antemán desculpas ás persoas magoadas por este padecemento se non lles parece ben que me sirva de escusa para o artigo de hoxe. Porén, non hei pedir perdón aos elementos a quen cadra tan sonoro vocábulo.

Seica poden ser sons de motores, asubíos, grilos, auga ou mesmo estrondos. Cadaquén, de sufrilos, debe aturar o que lle toque en sorte porque non se pode escoller. Eu, estes días de canícula, abofé que elixiría auga en vez do canto do grilo que, malia ser tenue, me aboura con frecuencia. As causas son diversas e os tratamentos, polo visto, pouco eficaces; mais existen estratexias para convivir o mellor posíbel co ruído intruso.

Sería moi ousado pola miña parte falar dun asunto que compete aos otorrinolaringólogos, pero xa sospeitarían que só pretendo buscar un símil para outro rebumbio, ese do que non nos conseguimos librar: o dos corruptos, reiterativos e persistentes como as ondas na praia, ondas estas que non están orladas de escuma branca senón da podremia en que remata a súa ambición.

Os acúfenos ou tinnitus poden producir un grande esgotamento e, daquela, dificultar moitas actividades. Con eles gardan unha perfecta similitude as noticias que nos chegan, un día si e outro tamén, a falarnos dos que se comportan como a toxina dos mexillóns e nos paralizan o ánimo.

A falta dun tratamento eficaz para os corruptos, cómpren tamén estratexias de supervivencia. Isto non implica esquecer o que Castelao propuña para os caciques despois de comparalos coa barba, que sempre volve nacer: barbealos.

Recomendan os especialistas en acúfenos manter a mente distraída para esquecelos e rebaixar a fatiga que producen. Eu, que non son ninguén, atreveríame a suxerir que, no canto de reparar neses personaxes nocivos, fixásemos a nosa atención na moita boa xente que nos rodea, a que co seu labor está a rebaixar as arestas da crise. Propoño, así mesmo, entregarse ao saudábel hábito da lectura, xornais (pasando por riba de certas páxinas), novelas e mesmo textos intranscendentes, lonxe do peso desta realidade pétrea. Tamén a música xoga un papel moi eficaz no enmascaramento de sons desagradábeis. Así que, se prefiren a canción do verán á Novena de Beethoven, tampouco non pasa nada: o importante é que o nome dos Eres, Bárcenas e demais familias non nos trepanen o cranio.

Para vostedes como para min, pido que os acúfenos non nos rouben as horas. Eles sempre volven, o noso tempo non.

Comentarios