Acollida

CHINUA ABECHE, o novelista máis famoso de África, nado en Nixeria, finou hai un mes en Boston, onde vivira e traballara gran parte da súa vida. Como el, ducias de intelectuais, escritores e políticos de todo o mundo teñen atopado acubillo nas universidades americanas, tal e como sucedera no seu tempo cos exiliados republicanos españois. Neste sentido, a tradición dos Estados Unidos como lugar de acollemento é digna de ser gabada, malia que, atentados como os das Torres en Nova York e o máis recente en Boston, acaben por restrinxir esta política, sobre todo entre determinados colectivos. Imaxino que un estudante ou un académico dun país islámico ou africano que estivera pensando en pedir o visado para ir a un campus americano o próximo curso sospeita que hoxe ten menos posibilidades de logralo. Algo semellante está a ocorrer no Reino Unido, outro país con centros universitarios de grande reputación que atraen xente de todo o mundo. Actualmente, o goberno ten unha política tan restritiva en canto aos permisos de residencia que algunhas universidades xa fixeron oír a súa queixa porque temen quedar sen alumnos estranxeiros.

No caso británico non axuda nada o exemplo do clérigo islamita Abu Qatada. Está canso de predicar a guerra santa contra Occidente, ao que considera impuro, cando non satánico. Porén, cando se sentiu inseguro no seu país, Xordania, fuxiu ao Reino Unido, onde pediu asilo político. E déronllo, así como unha asignación para a súa familia numerosa, uns sesenta mil euros por ano. Unha vez que tiña asegurado o sustento, volveu a predicar contra Occidente e contra o propio país que o acollía, nesta ocasión desde a céntrica mesquita londinense de Finsbury Park. Pero a cousa non quedou aí, porque acabou relacionado cos principais atentados terroristas en territorio inglés, e mesmo a policía española sospeitou da súa participación nos atentados do 11M. Despois de varias detencións, as autoridades británicas decidiron deportalo a Xordania, pero el apelou dicindo que a súa vida corría perigo nese país islámico. Tanto o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo como a xustiza británica déronlle a razón, e a liberdade. Hoxe está a disfrutar dunha nova casa que lle deu o goberno en razón de que agora son máis de familia, e non cabían ben na anterior. El di que está feliz no Reino Unido, malia que non tivo unha soa palabra de agradecemento e, por descartado, de arrepentimento.

Con todos os defectos que teñen as democracias occidentais, é rechamante o feito de que a estes fervorosos islamitas (tamén eses rapaces que levaron o terror a Boston) lles sente tan ben o clima atlántico.

Comentarios