Aclaracións necesarias sobre financiamento

SINCERAMENTE, dáme igual quen lle pagou a voda á filla de Aznar, nin se os dirixentes do PP recibiron durante anos sobresoldos polo seu traballo no partido, ou se os cartos de máis que lles daban cada mes eran por non facer nada ou unha contraprestación polos servizos prestados. Alá eles, os militantes e os que decidiron que facer co diñeiro. Pero o que si deberiamos saber todos é como chegaban os cheques ó partido, e non só iso, senón como se financian tamén o PSOE, Izquierda Unida e todas as demais formacións políticas que nos representan, e sobre as que deputados, senadores, alcaldes e demais cargos estes días non paran de argumentar que son a base da democracia, e que eles foron elixidos, non como os que protestan en concentracións na rúa para amosar a súa indignación. Pois queremos saber; que nolo aclaren, polo ben noso e tamén pola democracia que din encarnar.

Comentarios