Descobren un vertedoiro nunha mámoa en Láncara

Patrimonio dos Ancares denuncia tamén un gran corte na medorra
Lixo depositado xunto á mámoa, na parroquia de Vilaesteva
photo_camera Lixo depositado xunto á mámoa, na parroquia de Vilaesteva

O colectivo Patrimonio dos Ancares vén de denunciar a existencia dun vertedoiro de lixo incontrolado que afecta á Madorra de Montouto, no parroquia de Vilaesteva (Láncara). Nesta mámoa, catalogada, constatou tamén "un gran corte" que puido ser causado por unha máquina ou por "escavadores furtivos", segundo explicou o investigador Xabier Moure.

O descubrimento foi realizado o pasado mércores, cando membros de Patrimonio dos Ancares percorreron a contorna desta mámoa, sita no monte da Revolta, a 970 metros de altitute e a carón dun camiño que divide a parroquia de Vilaesteva da de Lexo, en Baralla. O primeiro que lles chamou a atención foi a presenza de lixo, dende o parachoques dun coche ata barras fluorescentes, ferros ou mesmo un recipiente de plástico co lema ‘Cuida tu entorno’, situación "chocante cando menos".


Na contorna aparceron dende o parachoques dun coche ata barras fluorescentes, ferros ou mesmo un recipiente de plástico co lema ‘Cuida tu entorno


Ao aproximarse detectaron, ademais, que a Madorra de Montouto, duns 20 metros de diámetro e 1,5 de altura, fora obxecto dunha "agresión". Segundo o colectivo, o túmulo está cuberto de maleza, "alterado" por unha plantación dunha ducia de piñeiros e danado por un corte de "case catro metros de longo, 1,5 de ancho e 1 de profundidade". "Debaixo dos fentos tamén se aprecian as rodeiras dun vehículo pesado", engadiu.

Ante estes feitos, Patrimonio dos Ancares anunciou que este mesmo xoves remitiu senllos escritos ao Concello de Láncara e o Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo para solicitar a retirada do lixo e a protección da mámoa. Pide tamén que a Administración local contacte cos donos destes terreos para que, baixo control arqueolóxico e previa autorización de Patrimonio, se proceda a talar as árbores e limpar a maleza do túmulo.

No mesmo escrito, indicou Moure, informan do estado no que se atopa a necrópole megalítica do Monte das Medorras, pertencente á parroquia de Vilarello (Láncara), onde este historiador xa denunciou días atrás a existencia de danos en cinco mámoas, das que tres foron "practicamente destruídas" e as dúas restantes están "gravemente alteradas por unha plantación de piñeiros".

ESTALAGMITA. Por outra banda, Patrimonio dos Ancares deu conta do achado dun anaco de estalagmita tirado nun camiño próximo á mámoa de Montouto. A hipótese que baralla este colectivo é que esta formación pertenza á cova de Saballeiros, localizada a algo máis dun quilómetro do lugar, xa no termo municipal de Becerreá.

Segundo apunta, trátase dunha gruta non moi longa, pero ampla, que adoita estar anegada nesta época do ano debido a que conta cun río subterráneo. A cova xa foi obxecto noutras ocasións "da rapina dos irresponsables que a visitan" e que se apoderan de anacos de estalagmitas e estalactitas.

Comentarios