Achan en Cervantes unha torre, moedas e po de ouro

Os restos atopounos Patrimonio dos Ancares no Teso do Castelo
Unha das paredes da torre
photo_camera Unha das paredes da torre

Membros de Patrimonio dos Ancares localizaron recentemente os restos dunha torre ou atalaia no Teso do Castelo. O lugar está a 659 metros de altitude, preto da aldea de Airoá, na parroquia de Cereixedo. Ao explorar o entorno, apareceron restos de cerámica, algún con po de ouro, e dúas moedas de cobre, unha datada no ano 1618.

Os membros de Patrimonio dos Ancares chegaron ao lugar atraídos pola toponimia, pois o Teso do Castelo é un outeiro rochoso situado nun meandro que forma o río das Casas e o regueiro do Castelo. As pronunciadas pendentes rochosas e a maleza dificultáronlles as tarefas de exploración, pero a principios de novembro deron cunha parede duns cinco metros construída entre dúas penas. Neste muro atoparon unha porta que dá acceso a unha explanada rectangular de 15 por 20 metros, protexida en todo o seu perímetro por outras dúas paredes e por grandes rochas.

Barallan as hipóteses de que a atalaia sexa romana, relacionada coa vía XIX, ou medieval, dependente do castelo de Doiras



Xabier Moure, un dos membros de Patrimonio dos Ancares que participou no achádego, explica que desde este lugar se divisan os camiños que percorren os montes circundantes, un deles coñecido como Castelo de Airoá, e a conca do río das Casas. "Pero a maior sorpresa levámola cando miramos cara o sur. Case mimetizado coa paisaxe, a uns 1.300 metros en liña recta, divisamos o impoñente castelo de Doiras, erixido nun outeiro rochoso a 752 metros de altitude".

Os integrantes da asociación barallan dúas hipóteses: que se trate dunha atalaia romana relacionada coa vía XIX, que pasa a carón do outeiro, ou que sexa unha torre medieval dependente do castelo de Doiras.

Os veciños pouco poden aclarar sobre a orixe. Aseguran que "alí só subían os corzos". Non sabían da súa existencia, aínda que algúns apuntan unha lenda que conta que na zona había un castelo onde vivían os mouros ou feito para defenderse dos ‘moros’, segundo as distintas versións.

En diferentes exploracións, os membros de Patrimonio dos Ancares atoparon dúas moedas de cobre, unha de 1618, de tempos de Felipe III, e anacos de cerámica. Un deles manchado de po de ouro. Xabier Moure explica que "ata os anos 50 aínda había mulleres que practicaban o bateo nos ríos Casas e Navia" para buscar ouro e que na zona había varias minas a ceo aberto, polo que non é estraño que xa os ocupantes do castelo aproveitaran esta riqueza.

Comentarios