Abusos nos dereitos históricos

NO PERÍODO dos últimos meses o Ministerio de Agricultura, contando cunha posición pouco activa da Xunta, realizou unha utilización abusiva dos dereitos históricos para a determinación das axudas aos agricultores e as cotas de xarda e xurelo aos pescadores, que en ambos os dous prexudica aos intereses da maioría destes traballadores en Galicia.

Non se trata de negar valor aos dereitos históricos senón de que sexan o principal factor determinante na distribución das axudas agrarias nun caso e das cotas de pesca no outro. Na agricultura estes dereitos históricos orixináronse coa produción existente no ano en que se estableceron por primeira vez estas axudas, que no caso do leite se remonta ao 2004, pero nos cultivos e as vacas de carne proceden de vinte anos atrás. Por iso a situación actual é moi diferente, ao ter deixado a actividade unha parte dos agricultores, mentres que outros ampliaron a súa produción para asegurar a viabilidade das súas explotacións. A reforma da Política Agraria Común aprobada o ano pasado establecía varias medidas para corrixir esta situación, en especial as que ligaban o cobramento das axudas ao desempeño dunha actividade agraria. A aplicación deste principio tería permitido evitar a súa percepción por parte de persoas non dependentes da agricultura, o que redundaría en dispoñer de máis fondos para distribuír e aumentar o importe dos que continúan exercendo a actividade. Desgraciadamente o acordo alcanzado entre outros co apoio da Xunta apenas vai corrixir esta situación.

Coas cotas establecidas para a xarda e xurelo repítese en boa parte esta mesma historia. A distribución das capturas está baseada na que realizaron nos últimos anos os barcos do cerco. Isto xera un problema importante no caso da xarda, que é unha especie migratoria que primeiro se sitúa no leste do Cantábrico antes de chegar ás nosas costas. Por iso cando o control era sobre o conxunto do sector os barcos galegos tiñan unhas capturas menores, a non ser que se desprazasen ao País Vasco ou Cantabria para pescala, porque cando a xarda chegaba aquí xa estaba case cuberta a cota global. Este ano cambiou o sistema de control asignando unha cota por barco, que nun 70% esta determinada por esas capturas ou dereitos históricos, con respecto a só un 10% aplicado ao número de tripulantes. O resultado é que os barcos galegos só teñen unha cuarta parte da cota española cando os nosos mariñeiros son máis do 40% do total.

En ambos os dous casos tería sido posible unha aplicación diferente diminuíndo o peso dos dereitos históricos, outorgando un maior valor ao traballo e adaptando o reparto á situación actual.

Comentarios