Abusos das axencias de calificación de riscos

AS AXENCIAS de cualificación de riscos (ou de rating) deberían ter un papel importante no bo funcionamento dos mercados financeiros. En teoría son empresas cualificadas profesionalmente para informar aos inversores sobre a situación das institucións ou empresas emisoras de débeda e ter así un maior fundamento nas súas decisións de inversión ou desinversión.

Pero a realidade é ben diferente desa teoría. Parte do problema é debido ao gran poder acumulado polas Axencias de Rating, pois as tres máis grandes controlan máis do 90% do mercado internacional. Outra provén dos fallos que tiveron no pasado nas cualificacións que lle adxudicaban a empresas que nunhas semanas mais tarde se descubría que estaban nunha grave situación financeira ou que mesmo quebraban como foi o caso do Banco Lehman Brothers. E outro factor non menos importante refírese a súa posible falta de independencia da actividade de cualificación á empresas que ao mesmo tempo son clientes dos seus servizos
Hai xusto un mes que nestas mesmas páxinas nos referíamos ás Axencias de Cualificación de Riscos ao tratar dos impactos dos fallos que tiveron na regulación dos mercados financeiros xunto cós supervisores institucionais como son os Bancos Centrais e as Comisións de Control das Bolsas de Valores.

E desgraciadamente nestes últimos días volveron coas súas accións a agudizar a delicada situación económica de varios países e mesmo do futuro do euro como moeda. Podía parecer mesmo unha operación coordinada, pois no intervalo duns poucos días actuaron as tres principais Axencias. Standard and Poor´s ameazou con declarar a suspensión de pagos de Grecia xusto despois de aprobarse o segundo plan de rescate para o País. Moody’s degradou a débeda pública de Portugal e Fitch, a terceira desta lista, rebaixou tamén a cualificación de varias entidades financeiras europeas, ente elas as de dous bancos españois. Estas accións aumentan a desconfianza e veñen a preparar o terreo para operacións especulativas ao tempo que dificultan a situación e a saída da crise destes Países afectados como o noso por un duro plan de axuste.

O impacto destas accións é potencialmente tan perigoso para a estabilidade do euro, que levou a unha serie de declaracións en cadea do Presidente da Comisión Europea e do Banco Central Europeo entre outros. E a que por fin pareza existir un mínimo de reacción para que o BCE ‘ignore’ esas cualificacións nas operacións da débeda portuguesa e decidan rescatar o proxecto de crear unha Axencia de Rating europea. Agora ben esas reaccións tan tímidas poden quedar en simples xestos senón se establecen por fin unhas medidas de coordinación financeira máis áxiles e efectivas.

Os poderes públicos non poden permanecer impasibles ante estes pulsos dun poder económico nada democrático nin transparente onde tres empresas de cualificación fan tremer á situación financeira de varios Países e por extensión ao euro. A política ten que evitar que os mercados financeiros campen ao seu antollo, evitando así que os beneficios vaian para uns poucos e as perdas para a maioría. 

Comentarios