Abstención e participación

AS CONVOCATORIAS das eleccións europeas tiveron nas celebradas deica agora unha baixa participación, que corre o risco de aumentar na que vai haber dentro dun mes. Hai varios factores que parecen xogar nese sentido e que poden resultar nunha participación inferior á metade dos potenciais votantes. Por unha parte está o descrédito e perda de confianza sobre a propia Unión Europea, así como na valoración da política polos problemas de corrupción que saíron á luz nos últimos anos ante os que moitos cidadáns reclaman medidas máis enérxicas e inmediatas. Por outra, están os efectos dunha crise económica que causou estragos no emprego e nos recortes dos servizos públicos.

A pesar deste clima de desconfianza, a participación mediante o voto nestas eleccións segue sendo o modo principal e máis directo de influír no rumbo futuro dos asuntos públicos. Ademais hai un grupo amplo de alternativas, pois ás candidaturas presentadas polos partidos con representantes no Parlamento se engaden outras formadas expresamente e a posibilidade do voto en branco.

O resultado destas eleccións afecta a algúns dos nosos problemas máis inmediatos sobre o rumbo que a curto prazo poida ter a actual crise. Se continúa a política de austeridade estrita establecida polo Goberno Comunitario, o Banco Central Europeo e Alemaña, que en España aplica despois o goberno, ou pode haber un novo Parlamento que force a cambiar esa orientación. Varios informes publicados nestes últimos meses sinalan que esta austeridade estrita ten reducido aínda máis a actividade económica, diminuíndo o consumo e provocando máis paro e recortes nos servizos públicos, mentres que non se corrixiu o déficit na proporción agardada ao caer a recadación de impostos. Pola contra, son posibles outras políticas que, sen desequilibrar as contas públicas, promovan o fluxo do crédito a empresas e familias e proxectos de investimento pública, tal como ocorre coas desenvolvidas en Estados Unidos e na propia Unión Europea nalgúns Países que non teñen o euro como moeda.

Ademais por primeira vez estas eleccións poden determinar a presidencia da Comisión ou goberno comunitario, de modo que as principais alternativas inclúen os seus propios candidatos para este posto, que se engade ao papel crecente do Parlamento na aprobación das políticas europeas.

Varios asuntos que afectan ao noso futuro dependen actualmente de Europa. Se pode existir ou non un proxecto europeo común de futuro con respecto a Estados Unidos ou os novos Países de economía emerxente. Se hai unha política decidida ou non para reducir o efecto dos paraísos fiscais e para delimitar o peso dos grandes grupos financeiros e de compañías multinacionais que pagan uns impostos ridículos con respecto aos seus beneficios.

Por iso, a pesar de dúbidas, desconfianzas e desacordos con respecto á actual situación a votación segue sendo a única vía de influír no noso futuro.

Comentarios