Abrirse ao mundo

Asistín a un concerto en Oporto no que gran parte dos asistentes eran británicos. Pensei que se trataba dun deses grupos organizados que fan a ruta polo Douro para visitar viñas, quintas e pobos pintorescos como Pinhao que, a outra escala, lémbranme a nosa Ribeira Sacra. Pero pronto souben que eran residentes, moitos xubilados, que apenas se relacionan cos seus veciños portugueses, facendo vida aparte, tal vez pola cuestión do idioma.

Estes días veume á cabeza aquel episodio con ocasión de falar cun amigo inglés, afincado en España desde hai máis de trinta anos, que está tan integrado que mesmo bota en falta ter a cidadanía española para, entre outras cousas, poder votar. El nunca se sentiu a gusto nas reunións de expatriados que se reunían para tomar té ou cervexa mentres criticaban os costumes locais. Tema de conversación tiñan abondo. Sen dúbida acabarían falando do pouco apego dos españois pola limpeza en espazos públicos, onde é habitual ver xente tirando ao chan todo tipo de lixo, sen recato. Tampouco me estrañaría que os escandalice o maltrato animal, que aínda se da en moitos lugares de España; por non entrar a falar das corridas de touros, hai todo tipo de festexos nos que o punto central é a utilización dalgún bichiño para animar a troula.

Por outro lado, algúns dos nosos servizos públicos teñen pouco que envexar; nós xa estamos acostumados a ver como unha causa xudicial pode levar unha demora de dez anos; pero ninguén que veña dun país normal pode deixar de asombrarse. Como tampouco hai xeito de xustificar o caso das facturas impagadas polas administracións. Da coraxe que o goberno pida agora aos empresarios un desconto para o pago de débedas que veñen dos tempos de Maricastaña; como se a administración non representara lei e orde, senón máis ben a linguaxe dos clans mafiosos. Dito todo isto, eu mesmo podería parecer un estranxeiro resabido, cousa que non son, como tampouco o é o meu amigo inglés, quen non quixo deixar pasar ocasión de dicir que, por exemplo, se ten que someterse a unha operación cirúrxica preferiría facelo en España que en Inglaterra, ademais de atopar mil motivos máis para ser feliz entre nós. Así que, aproveitando que tanto se fala de fusións de concellos, das vantaxes e sinerxías que ten a complementariedade dos territorios, sería cousa de imaxinarse un país capaz de reunir as virtudes dos outros, evitando os defectos.

Así que a min non me importaría vivir nunha España na que algún suízo se fixera cargo da banca, un alemán dirixira a industria e mesmo un británico puxera orde na xustiza e no goberno. Semellaría ser un protectorado, pero tamén se podería negociar un contrato por obra e servizo, para que cando estivera todo arranxado marcharan para a casa e nos devolveran o mando; sen ter que botalos a canonazos, como a Napoléon. Sempre habería o perigo de que volvéramos ao caos anterior, pero nese caso xa sería cuestión de aceptar a realidade, deixar de chamarnos europeos e presentar a instancia de ingreso na sede da Unión Africana, en Addis Abeba, ou en Caracas, ante a Alianza Bolivariana (vulgo bananeira).

Comentarios