A abella e o león

POR MOR dunha publicación na que vou colaborar, lin detidamente ‘A señorita Xulia’, peza teatral do sueco August Strindberg. A propósito do prólogo, o primeiro pensamento que se me veu á cabeza foi este: «Os clásicos sono por algo». É asombroso ver canto de actualidade hai nun texto publicado en 1888.

Desde a crise do teatro, unha constante ao longo da historia, ou o debate sobre a súa función (ensinar, divertir, ambas cousas), até unha serie de propostas innovadoras nas que, porén, resoan ecos das grandes traxedias gregas, pasando por ideas para os decorados, o papel actoral ou a análise psicolóxica das personaxes, o autor imparte unha interesante lección sobre este xénero. Aínda así, non debo obviar certos prexuízos verbo das mulleres independentes que hoxe non resistirían a criba do feminismo máis elemental. Pero esa é outra cuestión, xa que non podemos esquecer que escribía no século XIX.

Mais non vou falar de teatro. O que precede é para situar nese prólogo a cita da que tomo o título e con el a idea matriz deste artigo: «A vida non é tan matematicamente idiota para que só os grandes coman os pequenos, senón que tamén ocorre, coa mesma frecuencia, que a abella mata o león ou que, polo menos, o tolea». Suxírelles algo? A min si. Poñan capitalismo brutal, grandes partidos políticos, linguas imperialistas, superproducións de cinema, grandes áreas comerciais, e digan león; poñan desempregados ou empregados a medio soldo, pequenas organizacións políticas, linguas minorizadas, producións de baixo custo, tendas de barrio, e digan abella.

Este é o meu desexo para o 2015 que comeza. Que se cumpran as palabras de Strindberg e así o mundo sexa máis habitábel. Non se trata de matar o león, senón de que non desapareza a abella. As abellas que -séguenos servindo a alegoría- son quen, no seu libar aquí e aló, de espallar coas patas o pole que fecunda e dá vida. Por iso é tan importante a súa existencia e os científicos vaticinan que, de desapareceren, ao mundo quedaríanlle dous telediarios. Do mesmo xeito a economía, a paz e a concordia desaparecerán se segue a eliminar a clase media, facendo a uns poucos máis ricos e a moitos máis pobres.

Que se escoite, xa que logo, o zunido das abellas, por moito que promulguen, para enmudecelas, leis mordaza. Así, cando menos, o león non durmirá e volverase tolo. Que tolee até a lucidez de ver que, ou comparte a selva, ou será o rei do nada.

E, na mesma orde de cousas, agardo que non prometesen para o aninovo nada que non vaian cumprir, sobre todo seren felices e facer felices aos outros. Á fin iso é o que importa.

Comentarios