Abandono de terras

OS resultados do último censo agrario indican que só unha quinta parte da superficie de Galicia está dedicada a cultivos e pastos. Coa única excepción de Canarias somos a Comunidade Autónoma cunha menor proporción de terras dedicadas a estes aproveitamentos agrarios. Estamos moi por baixo da media española, que alcanza a metade da superficie total.

Non é un problema ligado ao noso relevo máis accidentado nin ás nosas condicións climáticas. En Asturias e Cantabria, ambas con maiores limitacións debido á maior pendente das súas terras, os cultivos e pastos ocupan unha parte considerablemente maior do seu territorio, unha terceira parte na primeira e case a metade na segunda.

Estamos ante un problema de abandono das terras que fai só unhas décadas eran produtivas e que quedaron sen utilización ao ir desaparecendo as explotacións das que formaban parte e non ser integradas nas que permanecen activas por medio da súa venda ou arrendamento. É un problema que ten dous efectos negativos. O primeiro ten que ver coa reducida superficie da que dispoñen a maior parte das explotacións agrarias, que limita o volume das súas rendas e a capacidade para poder vivir da agricultura. O segundo, cunha baixa utilización dos nosos recursos produtivos, dos que non se obtén un aproveitamento adecuado; ademais de que pode agravar o problema dos incendios pola maior vulnerabilidade destas terras á acción dos incendiarios.

Os resultados do censo veñen sinalar unha vez máis un dos problemas básicos da nosa agricultura: a limitada superficie da maior parte das nosas explotacións ten a súa causa na baixa proporción de terras que ocupan. Unha superficie que podería ser ampliada de modo considerable mediante o arrendamento de terras que están abandonadas. Por iso debería de darse a máxima prioridade ás medidas que favorezan o aumento dos arrendamentos. Así é como veñen operando diversos países europeos desde hai varias décadas, que tan resultado en que actualmente máis da metade da superficie das explotacións sexan terras arrendadas a familiares ou a antigos veciños. Desde a perspectiva dos propietarios os factores crave para arrendar as súas terras están relacionados coa seguridade de recuperalas e a garantía de poder resarcirse, no seu caso, dos posibles danos causados. Para os arrendatarios é importante contar cun período mínimo de contrato e poder recuperar os posibles investimentos realizados de común acordo.

Comentarios