Abandono de terras e cambios na política agraria europea

HAI UNS días a Comisión Europea presentou a proposta de reformas da política agraria para o período dos anos 2014 a 2020. O percorrido para a súa aprobación vai ser probablemente máis longo que en ocasións anteriores, non antes de final de 2012. Isto é debido tanto ao novo sistema aprobación conxunta entre o Consello de Ministros de Agricultura e o Parlamento Europeo, e a necesidade de que antes estea antes aprobado o paquete financeiro de distribución dos fondos entre as distintas políticas comunitarias.

As propostas da comisión teñen varios asuntos abertos ao debate, pero eu quixera centrarme sobre un deles, porque ten particular relevancia para Galicia por afectar a unha das debilidades da nosa agricultura, como é o actual aproveitamento das terras.

A comisión propón que as axudas recibidas polas explotacións teñan como base a superficie dispoñible das explotacións. Deste modo, o importe da axuda básica por explotación estaría calculada sobre un importe fixo por cada hectárea. Caso de aprobarse esta norma habería unha importante de diminución das axudas percibidas na agricultura galega, debido á baixa superficie declarada nas súas solicitudes polas explotacións.

Neste ano a superficie incluída nas axudas é só dunhas 585 mil hectáreas, que escasamente chega a equivaler a un 20% da superficie galega, cando no conxunto de España acada un 58%. As diferenzas son moi elevadas ao comparamos coas comunidades limítrofes, pois no conxunto de Asturias e Cantabria ascende a un 32% do total, tendo ambas unha topografía máis desfavorable, e en Castela e León chega ata un 55% da súa superficie total.

A causa fundamental destas diferenzas está na perda da superficie que nun tempo foron terras agrarias e que actualmente están abandonadas, nun proceso que continúa a medrar co tempo, de modo que nos últimos dez anos perdeuse case un 10% da superficie utilizada en cultivos e pastos. Esta perda de recursos produtivos limita o valor xerado na agricultura ao facela máis dependente na compra externa de alimentos para o gando e ameaza a viabilidade de boa parte das explotacións, que precisan de máis terras para xerar un volume de renda suficiente para cubrir as súas necesidades familiares. Pero ademais afecta ao conxunto da nosa sociedade na conservación das terras, pois o seu abandono aumenta tamén a súa vulnerabilidade aos incendios.

Non valen as queixas sobre a posible perda do volume de axudas pola aplicación deste novo criterio cando o problema non vén de fóra, senón que é propio. Está no abandono de terras e a falta de medidas efectivas para incorporalas mediante o seu arrendamento a outras explotacións que as precisan para a súa supervivencia. E deixalo sen resolver non fai máis que agravar o problema.

Comentarios