Abanca amosa en Compostela a evolución do libro con 66 incunables

A colección de incunables da fundación Abanca, formada por 66 títulos, achégase ao público como unha compilación sorprendente dentro do espazo cultural galego ao ofrecer unha viaxe pola evolución do libro e converter a Galicia nun referente dos estudos bibliográficos.

Esta variada e representativa exposición, que se exhibe na Cidade da Cultura con documentos editados no século XV, convértese nunha ocasión única para coñecer e gozar desta etapa irrepetible do libro impreso, que se iniciou co nacemento da imprenta.

A través dunha ampla e completa panorámica, marcada polas diferentes tipografías, ilustracións, estruturas de páxinas e tratamento de iniciais, márcase e subliña esa lenta evolución cara á perfección e a autonomía do libro impreso, e introduce ao espectador nunha expresión artística que alcanzou grandes logros.

Estas publicacións, cedidas temporalmente á Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, viaxan polos principais centros impresores como Venecia, as cidades xermanas de Maguncia e Nuremberg ou a española de Sevilla.

Ao acto de inauguración, que se celebrou onte no Gaiás, asistiron o director de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de Abanca, Miguel Ángel Escotet, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, entre outros.

Escotet sinalou que esta exposición brinda a oportunidade extraordinaria de achegase a un período "apaixonante para todos os que nos definimos como amantes do libro e a lectura". "Reflicte a calidade dos nosos fondos bibliográficos e cumpre o dobre obxectivo que buscaba o banco coa cesión das nosas publicacións a esta institución: compartir o noso amplo patrimonio artístico con toda a cidadanía e contribuír ao enriquecimiento cultural da sociedade", abundou.

Neste mesmo sentido, o titular de Educación explicou que a distancia temporal permite aumentar esa admiración polo que cualificou como xoias literarias. "Son unha lección de arte, de creatividade e de historia que soprenden ao espectador , indicou o conselleiro de Cultura Vázquez Abad, con outras autoridades na inauguración da mostra.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 31 de marzo de 2015.

Comentarios