8 de marzo, máis que nunca

Hai quen conta, e hai quen desmente, que a celebración do Día Internacional da Muller ten a súa orixe na conmemoración dun feito acaecido o 8 de marzo de 1908. As empregadas dunha fábrica téxtil de Nova Iork, que se declararan en folga, serían literalmente queimadas vivas polo empresario, quen pecharía as portas e lle poñería lume á fábrica encarraxado por non depoñeren elas a súa actitude. Incendio houbo, mais foi o 25 de marzo de 1911, dous días antes da primeira celebración do Día Internacional da Muller. Morreron moitas, a maioría inmigrantes, porque as portas estaban trancadas para evitar roubos.

En Rusia, onde se celebraba esta data desde 1914 (no seu calendario daquela o 8 de marzo era o 23 de febreiro), cobra especial relevancia por se amotinaren as mulleres en 1917 debido á escaseza de alimentos, feito que culminaría coa caída do Tsar na Revolución de Outubro.

Sexa como for, o que menos importa é o porqué da data. O significativo é que se considerase en países diversos a necesidade de chamar a atención sobre as inxustizas cometidas sobre a metade da especie humana por razón de sexo.

A situación de paro que estamos a vivir esperta vellas voces no senso de querer relegar de novo ás mulleres ao puro ámbito doméstico, como se o traballo remunerado tivese por lexítimos propietarios aos homes e, só no caso de sobrar, se puidese estender tamén ás mulleres. Que estas, tras a merma de elementos masculinos por mor das guerras, ocupasen postos tradicionalmente reservados a varóns, non foi óbice para que moitos homes pedisen despois que fosen despedidas para ocuparen eles o seu lugar.

En todo caso, en pleno século XXI, as mulleres seguen a ser as últimas contratadas e as primeiras despedidas; peor pagadas que os homes aínda desempeñando postos semellantes; obrigadas a demostrar moito máis para obter moito menos.

Durante anos, esta conmemoración chamouse ‘Día Internacional da Muller Traballadora’, un pleonasmo, porque traballadoras son a inmensa maioría de mulleres. Aquí vén a tergo esa distinción entre traballo e emprego. Traballo remunerado e traballo que non se paga. Deste último as que máis saben son as mulleres.

E, por último, unha pregunta: Por que recordarmos cousas tan evidentes coma estas seguen alporizando a moitos? Un ilustre e ilustrado galego do século XVIII, Frei Benito Jerónimo Feixoo, escribiu: «En grave empeño me pongo: No es ya sólo un vulgo ignorante con quien entro en contienda: defender a todas las mujeres viene a ser lo mismo que ofender a casi todos los hombres, pues raro hay que no se interese en la precedencia de su sexo con desestimación del otro».

Comentarios