4-N

A salvo de sorpresas de última hora, Obama será o candidato máis votado nas eleccións estadounidenses do 4 de novembro. Os ecos da crise financeira e as derradeiras desercións de notables das filas republicanas que se sumaron a pronunciamentos de diferentes medios de comunicación e outras influentes entidades aventuran unha case segura derrota do senador McCain. O feito de que o ex secretario de Estado Colin Powell e o ex portavoz Scott McClellan expresaran o seu apoio a Obama exerceron unha forte presión sobre McCain e estenderon o desánimo nas filas republicanas. Non obstante, o máis importante consiste en que o candidato demócrata gaña apoios nos estados indecisos. Obama colle forza en Pennsylvania e noutros estados decisivos como Carolina do Norte e Indiana, asi como nos máis dubitativos como Florida, Nevada ou Ohio, que poden ser claves á hora do resultado final. 

Tan amplo espectro de apoios é indicador tanto da esperanza de cambio que suscita o candidato demócrata como da desconfianza que xera o republicano á hora de imprimir un xiro na política estadounidense que permita corrixir o rumbo e facer borrón e conta nova co inmediato pasado. Todo, mal menor incluído, menos esa continuidade que derivou na máis fonda crise da superpotencia, tanto no eido interno como na súa proxección exterior. Poida que tan ampla suma de apoios multiplique o escepticismo en canto ás expectativas de cambio real que Obama sexa quen de introducir na política estadounidense. Nas últimas semanas, canto máis melloraban as súas posibilidades electorais, máis semellaba afastarse dunhas proclamas iniciais que si alentaban a firme hipótese de certa ruptura co pasado recente, levando á política norteamericana evidencias de certa reestruturación. Pero sen ser un radical nin deixar de facer concesións á moderación que lle reclaman os múltiples lobbies que circundan a política imperial, se de verdade Washington ambiciona remontar unha decadencia que semella lenta pero inexorable, Obama deberá impulsar cambios en áreas clave. 

A perda de peso económico, e agora probablemente financeiro, e a insistencia no fomento dunha estratexia de dominio mundial baseada no alargamento infinito do poder do Pentágono, xa non lle garante a prevalencia da súa posición dominante no escenario internacional. Pasou, pois, o tempo de pensar en que por medios militares tiña a posibilidade de acadar o que non deu conseguido pola vía diplomática. Volve a política e a ilusión de que Obama participe desa volta.

Comentarios