sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

25 velas de unión vecinal

O presidente das Campeiras, rodeado de músicos da banda de gaitas do barrio, Alfaia.
O presidente das Campeiras, rodeado de músicos da banda de gaitas do barrio, Alfaia.
A asociación do barrio das Campeiras, nas Pontes, celebrou o seu vixésimo quinto aniversario cunha foliada e unha gran cea popular

Hai datas marcadas no calendario que non se poden olvidar. E iso defende a asociación de veciños do barrio das Campeiras, no concello das Pontes, que esta fin de semana conmemorou o seu vixésimo quinto aniversario por todo o alto para festexar máis de dúas décadas de unión veciñal.

«No barrio hai moita xente que chegou tras ser expropiada por Endesa noutras parroquias e o obxectivo da asociación, dende o principio, foi ser un punto de unión para os veciños e un pulo para facer actividades», explica o actual presidente, Santiago Calvo, que leva no cargo dende o ano 2004.

A asociación, que conta na actualidade con 190 socios familiares, o que supón uns 500 beneficiarios, é a gran dinamizadora dun barrio con vida propia dentro do pobo.

A entidade suma 190 socios familiares e é a gran dinamizadora social dun barrio con vida propia dentro do concello

«Temos cursos de talla de madeira, restauración de mobles, encaixe de bolillos, bordado, pilates, ximnasia, traballos con coiro, gaita e percusión e outras actividades puntuais como a celebración do San Xoán ou do magosto, como mínimo unha excursión ao ano, o campionato de tute, que sempre se organiza en febreiro, e algunha que outra charla», cita nunha lista case interminable o presidente da asociación dun barrio que ten banda de gaitas propia, Alfaia.

«As actividades funcionan moi ben, pero botamos algo de menos máis implicación da xente nova», a eterna demanda de moitas entidades veciñais, que buscan relevos para continuar. «Non sei se outros 25 anos, pero futuro ten», asegura Calvo, que bota a vista atrás para contar a evolución da asociación, que comezou a súa andaina nos anos 90 nun barracón do IES Castro da Uz e inaugurou no ano 2000 o seu propio local, un edificio de dúas plantas de nova construción que se ergueu coa «axuda das institucións, algúns empresarios e os propios veciños».

Durante anos, a asociación mantivo unha longa tradición de organizar a carreira de carrilanas, unha proba que se suspendeu hai anos ante o aumento de accidentes e o risco que xeraba a cita, pero non por iso deixou de programar cousas. Organizou varios anos unha mostra de oficios ou algunha festa para celebrar o remate do verán en setembro. Este ano tocoulle o turno á conmemoración dos 25 anos de historia e decenas de veciños quixeron participar na efeméride. Houbo festa folk coa banda de gaitas Alfaia, o grupo Arnela, de Carral, e A Requinta da Laxeira, de Vedra, á que se sumou unha gran cea popular.

25 velas de unión vecinal
Comentarios