25 de Abril: caraveis de fraternidade

CORENTA ANOS da Revolución dos Caraveis. Hoxe Portugal (e España, Italia, Irlanda, Grecia, tamén Galicia) volve soñar co 25 de Abril para recuperar valores da democracia, da fraternidade, a fe no futuro tripados por un sistema económico cruel e inhumano. As brutais medidas impostas pola Troika dos Malvados (FMI, BCE e CE) levaron por exemplo a fame aos nenos portugueses das familias humildes ata o punto de que as escolas manteñen abertos os comedores durante vacacións e fins de semana para asegurarlles unha comida diaria. Tamén en España un de cada tres nenos está en risco de pobreza, según organizacións tan ‘sospeitosas’ como Cáritas e Save the Children.

Neste 25 de abril soa inmorrente ‘Grândola vila morena’, himno para o pobo, de José Afonso, tan irmán, tan próximo aos galegos. Ese día de 1974 inundou Lisboa de flores. E un caravel vermello no canón dun fusil converteuse no símbolo da loita pacífica pola democracia.

Daquela alegría, daquela euforia a esta tristura. Traizoada a Revolución dos Carabeis, hoxe para moitos Grândola é territorio da saudade, do que puido ser e agora se derruba no convencimento xeralizado da mocidade: ’A única saída de Portugal é saír de Portugal’ (e de Galicia?)

A semente dos caraveis esmorece. Aquela camareira que viu unha raiola de democracia e liberdade saíu a ofrecer carabeis aos soldados que tomaban a rúa. Un deles, que non sabía que facer con el, colocouno na bocacha do fusil. Os compañeiros imitárono. As floristas empezaron a repartir carabeis aos soldados e poucas horas despois Lisboa era un xardín de fusís onde os caraveis florecían. O milagre estaba a piques de producirse. En Radio Renascença empezou a soar ‘Grândola vila morena’ e estoupou a liberdade.

Agora cómpre recuperar o 25 de Abril para vencer o medo, para construír o futuro, para recuperar os valores da fraternidade e da cooperación amistosa contra os demos da competitividade, os intereses escuros do Mercado, a inmoralidade da vida pública, a suciedade da corrupción política, o matonismo dos poderes financeiros, a perda de soberanía da política fronte á peor economía. E recordarlles unha e outra vez: «O povo é quem mais ordena». Para sementar futuro contra a degradación política e económica, contra a terrible humillación da pobreza imposta polos sacerdotes do neoliberalismo económico e a súa deusa a competitividade que desnuda de dignidade, que recorta o estado social, que rouba a educación dos fillos, que impón o suicidio colectivo da austeridade.

Hai corenta anos, o 25 de Abril de 1974, fixeron en Lisboa a mellor sementeira de caraveis na brutalidade dos fusís. Hoxe, ‘Grândola vila morena’ e José Afonso son patrimonio da mellor humanidade.

Comentarios