Yahidne e os crimes de guerra

Metéronos nun soto de menos de 200 metros cadrados. Once das persoas máis vellas morreron alí pechadas
Galina e Pedro, na súa casa. M.M.
photo_camera Galina e Pedro, na súa casa. M.M.

Galina e Pedro contemplan dende un banco á porta da súa casa como entran e saen da escola de Yahidne varias persoas envoltas en monos brancos dos pés á cabeza e con máscaras. Parecera que a foran desinfectar tras un surto de covid, pero non, son investigadores do Tribunal Penal Internacional con sede na Haia.

Na escola, xusto enfrente do que queda da súa casa, viviron Galina e Pedro, canda case outras 400 persoas, pechados no soto máis dun mes. 3 de marzo, os tanques rusos saen por todas as partes dos montes que rodean Yahidne. Bombardean esta vila de pouco máis de 200 persoas, pero na que ese día hai máis xente do normal, moitas mulleres cos seus fillos, orixinarias da vila, regresaran a ela pensando que estarían máis seguras alí que na capital da rexión, Chernihiv. "Os rusos estaban por todas as partes", dinos Galina. A xente estaba agochada nos seus sotos porque non deixaban de disparar mísiles e artillería contra as casas.

Yahidne tiña o día anterior 180 casas. 148 foron alcanzadas polos ataques, 16 borradas da vila para sempre. O día 4 de marzo os rusos obrigaron a Galina e a Petro, e a Valentina, e a Tatiana e a todas as persoas que ían atopando nos sotos das ruinas de Yahidne a iren para a escola. Metéronos nun soto de menos de 200 metros cadrados. As cifras oficias falan de 360 veciños e veciñas, entre os que había 77 menores e 5 nenos de meses. As persoas coas que nós falamos non acertan tanto, pero si que nos falan de arredor de 400 persoas, 70 nenos e varias criaturiñas de meses. 11 das persoas máis vellas morrenon durante os 30 días que estiveron pechados.

Tamara cóntanos como a algún deles mesmo se lles comezou a ir a cabeza por non poder ver a luz do sol. Tivéronos que calmar os seus veciños. Outros non tiveron tanta sorte. A Anatoly, de 30 anos, e veciño de Galina e Petro, sacárono un día os rusos cos ollos vendados do soto. Nunca máis o viron vivo. A seu irmán, Viktor de 52 anos, matárono na súa casa e alí mesmo o enterraron os mesmos que lle quitaron a vida. Así até seis casos que Galina e Pedro lembren, e vexo nos seus ollos que non lles apetece moito lembralo.

Mentres os homes e mulleres de branco seguen a buscar pistas de crimes de guerra no soto da escola eu vou pasear entre as ruinas de Yahidne. Nunha rúa hai un mísil perfectamente visible, sen estourar, clavado no chan. Son deses mísiles de saraiva sobre os que xa teño escrito.

Da casa que está enfrente sae Valentina, cun pano morado na cabeza e moitas ganas de falar. Cóntanos que cando regresou á súa casa do encerro da escola atopou dos corpos no seu soto, eran dous rapaces de Chernihiv que os rusos mataran alí mesmo. Por que no seu soto? Valentina non o sabe.

Todas as persoas coas que falamos en Yahidne fálannos de medo, de pensar que non vivirían, de mesmo querer morrer ás veces por mor da escuridade, a falta de aseo e o rebumbio das bombas e a artillería constante por riba das súas cabezas. Foron usados de escudos humáns. Mentres elas e eles estaban pechados no soto os invasores cabaron trincheiras todo ao redor da escola, tomaron posicións cos seus tanques detrás das casas que deixaron en pé e usaron as aulas e os despachos da escola como o seu cuartel xeral.

As pegadas que deixaron están por todas partes nese edificio. Ao soto non nos deixaron baixar. Con miradas de desaprobación cando preguntamos —aquí os xornalistas pasamos de heroes a malísimos no chiscar dun ollo— e cun algo de "xa estades os xornalistas metendo o fuciño onde ninguén vos chama" despacháronnos os neerlandeses.

Comentarios