Xestantes, relixiosas e Bucha

Pasei media semana en Kíiv falando de xestación surrogada: visitas a clínicas, entrevistas a médicos e a mulleres xestantes. Parecera que Ana Obregón entrara de súpeto na miña vida de correspondente de guerra, e así foi. Sen extenderme moito, aquí todo o mundo ve a xestación surrogada como algo natural —é un tema que eu persoalmente non teño nada claro, nada, nada claro, malia poder empatizar coas dúas visións enfrontadas—.

Dito isto, coñecer a Elmira, unha muller de 36 anos que está embarazada de 8 meses e leva no seu corpo o neno dun matrimonio británico, foi persoalmete moi interesante; pero non me fixo inclinarme por un ou outro bando. O de Elmira é un dos milleiros de casos de mulleres ucraínas que ven como saída persoalmente decidida alugar o seu corpo. Elmira ten dous cativos de 7 e 14 anos que están refuxiados en Romanía. En canto dea a luz o neno dos británicos veinos traer de volta á casa que mercará cos cartos deses 9 meses de nai "alugada".

Elmira ten claro que se pode vaino facer unha vez máis, "eu antes da guerra traballaba no sector turístico, vai tardar moito en recuperarse. Teño claro que fago isto polos cartos, pero sei que ademais axudo a esta parella inglesa", que por certo non coñece nin coñecerá. Segundo Ihor Petrovich, o director médico dunha das meirandes clínicas de Kiev adicadas á xestación surrogada, o negocio está a medrar, teñen lista de agarda de aqueles matrimonios que non se atreven a vir agora doar o seu material xenético —2 días para elo en Kiev— e que logo teñen que voltar polo ser bebé.

Os trámites que antes da guerra demoraban un mes fanse agora nun ou dous días, polo que o tempo que teñen que pasar no país en guerra é mínimo. Tanto Elmira como Ihor coidan que en canto remate a guerra e regresen os millóns de mulleres ucraínas refuxiadas e cun país devastado economicamente, este tipo de programa —non gustan que lle chamemos negocio, malia selo— multiplicarase mínimo por dous: aí está o negocio, un que dá solución a dúas necesidades.

Aquí tamén é estes días a Semana Santa católica, mais a meirande parte do país é de relixión ortodoxa, cuxa Semana Santa se celebra despois da nosa.

O sábado, no centro da capital, asistín a unha escena inaudita: a igrexa ortodoxa ucraína separouse da rusa, o patriarca ruso mesmo dixo ao comezo da invasión que había que acabar cos ucraínos... un santo pai.

Ben, aquí quedan ortodoxos rusos, de feito o goberno tenlles alugado un templo na capital a esa confesión, que ten o seu propio patriarca, Pavel. O sábado saíu á rúa bendecir á xente, bendecir, bendecírono a el botándolle mesmo caldeiros de auga enriba, el impertérrito seguía coa cerimonia, un circo máis ben. Pero non estaba el só, había un grupo de fieis que non paraban de cantar e pedir que non os botaran dese templo ao que ían rezar.

A maior parte do país, por non dicir toda, quere que o goberno anule ese aluguer aos prorrusos que están a matar a ucraínos. A policía mediaba entre uns e outros. As señoras —a maioría das que rezaban a prol de que a igrexa rusa ficara no centro de Kíiv eran mulleres maiores con panos na cabeza— seguían a cantar mentres a xente lles berraba "Slava Ukraine!" (Viva Ucraína) e cousas semellantes. Quen tiña que protexer a esta xente, e mesmo ao patriarca, eran as forzas da lei que se xogan a vida na fronte: policía e o SBU, o servizo secreto.

Serguei, un fotógrafo local non paraba de tirar fotos, eu que tentaba entender todo aquilo preguntáballe. "Non hai nada que entender, están tolas" foi o que me dixo. E cunha resposta tan fundada afasteime do lugar no que malia a presenza policial a violencia cheirábase preto. Esta mañá volvín a Bucha, un ano despois da súa liberación. É unha cidade en obras. A maior parte dos edificios están xa rehabilitados. Nada que ver co aspecto apocalíptico de hai un ano.

O que non é tan doado de curar é a ferida. Máis de 9.000 crimes contra a humanidade en 33 días, segundo a fiscalía ucraína. Máis de 1.400 civís asasinados, entre eles 37 nenos. Torturas, violacións... Hai un ano os xornalistas entramos na cidade e demos conta das barbaridades cometidas polos rusos. Agora Ucraína quere que o futuro —de habelo— tribunal polos crimes contra a humanidade rusos se celebre aquí, o Nuremberg desta guerra. Veremos canto tarda.

Comentarios