Cheguei a Ucraína nun autocar nocturno dende Cracovia, 9 horas das que máis de tres foron de espera entre fronteiras. O autocar de dous andares ía casi baleiro de xente, non eramos máis de 15: varias mulleres, un par de cativos, os dous condutores e mais eu. Ninguén no autocar falaba inglés. Puiden entender que algunhas das mulleres ían visitar á familia por uns días para logo voltaren ao seu país de acollida. Tardamos un bo anaco en cruzar a fronteira, ao ver o meu pasaporte a garda ucraína preguntoume se era xornalista, amoseille a acreditación e ao pouco volveu co meu pasaporte selado, sen problemas. Ao mesmo tempo noutra fronteira, na moldava, un compañeiro, Ángel Sastre, non tivo a mesma sorte e foille denegada a entrada ao país malia ter a mesma acreditación ca min. Acabo de falar con el. Non lle deron explicación ningunha e quedou tirado canda outro compañeiro que se negou a seguir camiño, no medio da fronteira entre Ucraína e Moldova en plena nevarada.
Xa en Leópolis estábame a agardar o meu compañeiro Andrii, que me deu a alegría do día: vai ser papá, papá dunha criatura que probablemente, e se as cousas non mudan de aquí a xuño, nacerá en Alemaña sen que seu pai poida estar coa súa nai nese momento. E será así porque Andrii non pode saír do país, e Masha, a súa muller vive en Alemaña dende que comezou a guerra. Ela é unha máis deses casi 8 millóns de persoas ucraínas refuxiadas fóra do seu país. Andrii e Masha víronse por última vez en outubro, precisamente en Leópolis. Pensei nese momento nas mulleres que viaxaban conmigo no autocar e en cantas delas serían como a esposa do meu benquerido compañeiro que viñan estar por uns días cos seus, e quen sabe se esas visitas traerían novas vidas a este mundo.
A vida e a morte que se dan a man todos os días neste país —en todas partes, seino, pero aquí a morte prematura converteuse nalgo tan cotiá que asusta—. Na igrexa de San Pedro e San Pablo demos cun funeral, un funeral católico por dous rapaces: Andrii e Maryan, que morreran días antes nun ataque preto de Dnipró. Dous militares de 29 e 32 anos. As familias permitíronnos asistir e documentar a cerimonia. A igrexa estaba chea. Entre os familiares algúns compañeiros militares dos finados, só uns poucos tiñan permiso para asistir. Un coro de 4 rapaces acompaña as exequias, a misa oficíana media ducia de curas. Os féretros de Andrii e Maryan baixo o altar, protexido dos efectos dos mísiles, como boa parte da igrexa, por grandes andamios. Os familiares e amigos pasan un a un despedirénse dos rapaces cunha caricia ou bico na fría madeira bernizada dos cadaleitos; cunha aperta máis humana dan o pésame os seus familiares. Fóra, o alcalde de Leópolis e unha banda militar agardan para acompañar a Andrii e os seus familiares ao camposanto. Unha escena que xa se volveu casi normal malia ser Leópolis a cidade ucraína máis afastada da fronte de guerra.
Sen prensa libre non hai democracia
Falo por teléfono con Ángel que está en Málaga. Sastre, que estivo 299 días secuestrado pola fronte Al-Nusra cando cubría a guerra de Siria, xa fora expulsado de Ucraína en 2017 por informar sobre a invasión de Crimea e o Donbás. O seu nome estivera nunha lista negra de xornalistas da que o propio goberno ucraíno o eliminara. O sábado pasado, cando lle denegaron a entrada ao país, tiña todos os papeis en regra e mesmo a acreditación do Ministerio de Defensa e de varias demarcacións militares do sur do país como Odesa ou Jersón. Di sentirse agotado, sobretodo porque ninguén lle dá unha explicación de por que non pode facer o seu traballo. «Non son prorruso, nin as miñas crónicas o son», dime. Probablemente todo é un desgraciado erro, recoñece, pero o traballo que levaba preparando dende hai tempo, o tempo, os cartos e as enerxías investidos nel, quedan en saco roto ao non poder entrar ao país.
Un dos puntos nos que a Unión Europea pedíu mellorar a Ucraína para poder acceder á unión é precisamente á defensa das liberdades democráticas, sen liberdade de prensa non hai democracia.
Rexeitar a entrada de xornalistas independentes non axuda sen dúbida a dar a imaxe dunha boa saúde democrática. Rexeitar a entrada de xornalistas ao país é facer o mesmo que fai Rusia, e é tan denunciable coma cando culpamos a Putin por acabar co xornalismo libre en Rusia.