Os conflitos conxelados

Algúns politólogos gostan de afirmar que a Unión Europea rematou cos conflitos a grande escala na vella Europa. Seguro? O problema desta afirmación é o concepto mesmo de “vella Europa”. Ate onde chega? Ate as fronteiras da Unión Europea? E que ocorre cos seus veciños? O benestar non é tan sinxelo nos estados que se sitúan xusto no límite, é dicir, nos Balcáns, no Cáucaso, no Mar Negro. Alí é onde se localizan os conflitos conxelados.

Transnístria, Abecásia, Osétia do Sur ou Nagorno-Karabakh son estados pantasma secesionistas enquistados nalgunhas das antigas repúblicas da Unión Soviética. Ningún membro da comunidade internacional recoñeceu a súa soberanía, nin sequera Rusia, que os emprega para desestabilizar o que antes foran os seus dominios. Pero o certo é que estes catro enclaves son independentes de facto dende 1991, e contan con milicias armadas propias que defenden a impermeabilidade das súas fronteiras.

Cada unha ten a súa propia problemática. Nagorno-Karabakh, por exemplo, é un enclave de poboación armenia situado dentro das fronteiras de Acerbaixán. Alí viven unhas 150.000 persoas nuns 4.400 quilómetros cadrados, unha superficie equivalente á provincia de Pontevedra. Este territorio foi a causa do enfrontamento bélico a comezos dos noventa entre Armenia, o socio preferente dos Estados Unidos na rexión, e Acerbaixán, un dos estados petroleiros do Mar Caspio. A guerra freouse cara 1994 sen que houbese ningún acordo de paz definitivo e dende aquela mantense o status quo: Nagorno-Karabakh funciona de xeito autónomo fronte a Acerbaixán, grazas en boa parte aos investimentos económicos dos armenios.

Os conflitos de Abecásia e de Osétia do Sur non enfrontan a dous estados rivais senon a un estado descolonizado, Xeorxia, fronte á influencia da súa vella metrópole, Rusia. As minorías étnicas de abecásios e osetos non recoñecen a soberanía xeorxiana e reciben apoio económico e militar ruso por manter a secesión. Dese xeito, o goberno xeorxiano nin controla nin pode entrar nestes territorios, e ás veces mesmo ten que facer fronte a intercambios de disparos na fronteira, como ocorreu no caso de Abecásia hai poucos anos. A negociación está bloqueada, polo que a estratexia actual de Saakashivili, o presidente xeorxiano, é crear gobernos locais que sigan as súas directrices. A idea, aplicada en Osetia do Sur, tenta oponer estas elites afíns ás que declararon unilateralmente a independencia co apoio ruso.

O terceiro conflito, o de Transdnístria, debería ser o máis sinxelo de solucionar, pero falta vontade. Este estado pantasma abrangue todo o territorio moldavo alén do río Dniestre, uns 3.500 quilómetros cadrados. Alí non hai ningunha minoría étnica que reivindique a súa soberanía, é só unha franxa controlada polas mafias do contrabando transfronterizo, por onde cruzan cara occidente os tráfico ilegais, de drogas ou de persoas. É, polo tanto, un conflito máis ben económico e estratéxico. A independencia de facto Transdnístria está garantida pola presenza militar rusa, e aínda que Rusia estaría disposta a aceptar a reincorpoción deste territorio a Moldavia, non acepta retirar as tropas, unha esixencia innegociábel para a Unión Europea e os Estados Unidos.

Nestes tres casos, a poboación civil non ten moitas posibilidades para intervir e converterse nun actor do conflicto, máis aló de aliñarse nalgúns dos bandos existentes, que responden a intereses alleos ao territorio en si mesmo. Dende 1991, a data na que estouparon estes conflitos, xa vai unha xeración enteira que non coñeceu outro presente.

O “limes” da Unión Europea
Os enfrontamentos bélicos nestes territorios freáronse na primeira metade dos anos noventa e dende aquela non houbo novidades. En termos xeoestratéxicos, manter estes conflitos conxelados é unha demostración de forza política pola banda dos dous verdadeiros contendentes: dunha banda o proxecto euroatlántico que asimilou a Unión Europea, doutra, o proxecto euroasiático ruso. O que está en xogo non é tanto o control sobre as poboacións, que non deixan de ser ferramentas nas mans duns ou doutros, senon o control dos recursos. Quen controle estes territorios controlará o fluxo dos recursos. Uns queren dirixilos cara occidente, cara o Atlántico, e outros queren manter a súa orientación actual, cara Moscú.

A solución máis aceptada é a reincorporación destes territorios aos estados nos que se ubican. Mais ningún dos actores quere avanzar nesa dirección. Todos gañan algo coa situación actual. As potencias internacionais manteñen a posición, e se non gañan explicitamente, cando menos evitan que gañen os rivais. Mentres, os gobernos autónomos fan caixa. O risco actual atópase en que, en caso dun desequilibrio, recorreríase ás armas. E ninguén quere contar cadáveres.

Detrás destes conflitos agáchase o concepto do “limes”, no sentido que tiña no Imperio Romano. Os Balcáns, Bielorrusia, Ucraína, Moldavia, Turquía e o Cáucaso son o “limes” da Unión Europea, o espazo que a separa do seu rival xeoestratéxico: a Rusia de Putin. Comentei catro das zonas de fricción, pero hai outras. Tamén está Kosovo, en Serbia. Alí levan case dez anos á deriva dende a guerra da OTAN contra a Iugoslavia de Milosevic. E a George Bush non se lle ocorreu nada mellor que prometerlles a independencia unilateral, coma se só con iso xa foran esvaecer os seus problemas. Gran estratega o Bush Jr., futuro ex presidente dos Estados Unidos, cun amplo legado de conflitos sen resolver detrás. Tamén esta Chipre, dividido aínda agora entre a zona grega e a zona turca. Irreconciliabeis, aínda que Chipre forme parte da UE. Dende Bruxelas critican á diplomacia rusa, pero está claro que eles tamén teñen as súas lacras.

Comentarios