O velo turco

A elección de Abudlá Güll como presidente de Turquía abre un novo capítulo na vida política deste país. Pese ás advertencias dos militares, dábase por feita despois da clara vitoria do AKP (Partido da Xustiza e o Desenvolvemento) nas eleccións anticipadas de xullo pasado. Güll prometeu defender a democracia e a separación entre Estado e relixión, principios recollidos na constitución turca, pero a oposición laica acúsao de dispor dun programa oculto para islamizar o Estado.

Son cribles as promesas de Güll? A opinión maioritaria en Europa, a pesar de certa desconfianza, é favorable a Güll. Observando os últimos catro anos e medio de goberno do AKP, cabe sinalar que non hai síntomas de radicalización islámica da sociedade turca. Mesmo hai quen pensa que representa unha opción de apertura fronte ao ultranacionalismo disfrazado de laicismo, cunha mellor disposición para propiciar as moitas reformas bloqueadas polo seu antecesor, o presidente Sezer, moitas delas de claro signo neoliberal (en materia de función pública, orzamentos, idade de xubilación, etc). Diriamos, pois, que Güll desperta menos temores no exterior que no propio país. Por que?

O auténtico velo que dificulta a comprensión do que está a acontecer en Turquía é esa maniquea dicotomía entre laicismo e islamización. Aos republicanos vailles ben dicindo que Güll disimula as súas verdadeiras intencións políticas. Por iso, cabe esperar algún xesto a modo de desmentido tranquilizador, especialmente respecto a aqueles sectores máis desconfiados (de mulleres a minorías) e máis sensibles á cuestión da laicidade que temen o recúo da diversidade e retrocesos graves en materia de dereitos humanos. Outros sectores, non obstante, sinalan que esta é a gran oportunidade para conciliar o islamismo cos principios republicanos. En realidade, o que poderiamos estar presenciando é unha pugna entre dúas franxas conservadoras da sociedade turca cun debate viciado de anteman que agocha a defensa dos privilexios de certos sectores que agora deben deixar paso a novas elites, a dos islamistas aristócratas que foron emerxendo das clases medias, ascensión que, por outra banda, tan ben personifica o propio Güll.

(Xulio Ríos é director do IGADI)

Comentarios