O ollo do furacán Dean toca terra en México

Proxección do cono do furacán Dean elaboado polo Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos (Gráfico: NOAA)
photo_camera Proxección do cono do furacán Dean elaboado polo Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos (Gráfico: NOAA)

O ollo do furacán Dean tocou terra na costa leste de México. Tras impactar no norte de Belice e o sur da península mexicana, convertido nun ciclón de forza cinco (o máximo nivel na escala Saffir-Simpson), Dean estase a debilitar e xa baixou a forza dous, segundo a información do Centro Nacional de Furacáns de EEUU.

Os ventos e chuvias do Dean azoutaron o interior de Iucatán con rachas de vento que chegaron a a acadar os 315 quilómetros por hora, mentres toda a costa de Belice o sur-leste de México están en alerta polo temido furacán.

Segundo as previsións do Centro Nacional de Furacáns (NHC) dos Estados Unidos, o Dean, xa debilitado, atravesará hoxe a península do Iucatán en dirección oeste-noroeste. Parece que desta vez, aos complexos turísticos e hoteleiros de Cancún só chegarán os ecos do temido ciclón, convertidos en tormenta tropical.

Evacuacións da poboación
Segundo informa o xornal mexicano El Universal, as históricas ruínas maias mexicanas e os complexos petrolíferos do sur do Golfo de México están a ser os máis castigados pola chegada do Dean. Así, a empresa estatal Pemex, que xestiona as plataformas de extracción do cru evacuou aos seus traballadores.

O goberno ordenou ademais a evacuación das zonas rurais do sur do país, pese a que moita xente é reacia a abandonar os seus fogares.

Tamén no país veciño se efectuaron evacuacións na cidade de Belice, e se pecharon os hospitais, alertando que os ventos do Dean eran demasiado fortes para os refuxios. Foron evacuadas ademais as illas turísticas de Caye Caulker e Ambergris Caye, e exhortouse á poboación a abandonar as zonas baixas nas que poden producirse inundacións.

Dean, o primeiro furacán desta temporada no Caribe, deixa xa tras de si o tráxico balance de cando menos 12 persoas mortas ao seu paso pola República Dominicana, Haití e Xamaica, ademais de cuantiosos danos materiais.

Comentarios