O futuro primeiro ministro belga confunde o seu himno nacional coa Marsellesa

Yves Leterme, líder flamenco (Foto: 'Yvesleterme.be')
photo_camera Yves Leterme, líder flamenco (Foto: 'Yvesleterme.be')

Bélxica , ó igual que Galicia, tamén vive o seu Día Nacional a finais de xullo. Concretamente o día 21, no que se celebra o aniversario da chegada triunfal a Bruxelas do primeiro rei belga, Leopoldo I, despois de que o país obtivese a independencia.

Este ano, a festa nacional viuse acompañada dun curioso feito que deixou ós belgas entre o sorriso cómico e a indignación. Yves Leterme, líder flamenco e futurible primeiro ministro despois de ser designado polo rei Alberto II para formar goberno, chegaba á catedral de Bruxelas para asistir ós actos conmemorativos.

Na entrada, a cadea de televisión francófona RTBF sometía a Leterme a un test de cultura xeral. Despois de fallar a primeira pregunta, (“que se celebra o 21 de xullo?”) o xornalista pídelle que entoe algunhas estrofas de “La Brabançonne”, o himno nacional belga. Leterme, incómodo pero coa vontade de emendar o seu primeiro fallo, arranca voluntarioso co comezo de "La Marseillaise".

Transcrición do diálogo:
Xornalista: “E 'La Brabançonne', ¿coñécea?”
Leterme: “Un pouco, si”
X: “Veña, anímese”
L: “Allons enfants de la patrie, le jour de gloire est arrivé” (Comezo de “La Marseillaise”)
X: “¿La Brabançonne é iso?”
L: “¿Como?”
X: “¿La Brabançonne é realmente iso?”
L: “Ben, non sei...”


Un “erro lamentable”
Como era previsible, o erro e as reaccións difundíronse por todos os medios do país, incidindo nas súas declaracións nas que no pasado fustigaba á comunidade valona (francófona) por “non ter aparentemente a capacidade intelectual para aprender flamenco nin os costumes tradicionalmente belga” 

Para saír do atranco, Leterme desculpábase nunha canle de televisión flamenca por cometer “un erro lamentable”. O tempo aprema, pois dende onte comezou as negociación para formar un goberno de coalición que reúna a democristiáns e liberais, un acordo difícil polas diferentes posturas sobre a reforma das institución federais.

Comentarios