O furacán Félix deixa un cento de mortos ao seu paso por Centroamérica

Os últimos datos elevan a cifra de falecidos a causa do furacán Félix ao seu paso por Nicaragua a cando menos 98 persoas, a maioría delas pertencentes a grupos indíxenas que vivían nas zonas máis pobres e castigadas pola tormenta. Entre as últimas vítimas hai  9 pescadores que foron atopados pola mariña nicaragüense na Rexión Autónoma do Atlántico Norte (RAAN) e 24 indíxenas que foron arrastrados ata as aguas de Honduras.

O presidente da República, Daniel Ortega, fixo públicos os danos en vidas humanas e materiais causados polo furacán. Ascenden a 7.995 mil vivendas totalmente destruídas en 49 comunidades, outras 8.848 casas afectadas e máis de 50 mil persoas prexudicadas directamente, segundo informa o xornal El Nuevo Diario.

A isto súmanselle os datos xa confirmados por Defensa Civil, que cifra en 6.122 as familias afectadas e en 15.809  o número de desprazados, que están instalados en 76 albergues situados moi preto do litoral ao norte do país.

Medo tralo Dean
O Félix chega só dúas semanas despois de que o Dean inaugurase a tempada de furacáns azoutando o Caribe mexicanos como un ciclón tropical da máxima categoría na escala Saffir-Simpson. O furacán Félix, convertido en tormenta tropical, entrou o pasado martes polo noroeste de Nicaragua, golpeando o país con ventos de ata os 260 quilómetros por hora. A traxectoria do furacán segue avanzando cara Honduras, O Salvador, Guatemala e México.

Nese momento, tódalas miradas voltaban cara o Furacán Mitch que no ano 1998 deixou incuantificables danos materiais e uns 11.000 mortos segundo fontes oficiais.

O Henriette en México
Outro furacán, Henriette, golpea con foza na zona de Sonora (noroeste de México), tras deixar uns 13.000 damnificados na Baixa California. O balance provisional de vítimas ascende a sete, seis delas falecidas nun balneario mexicano en Acapulco e outra na localidade de San Lucas.

Comentarios