Mijailo Podoliak: "Non hai risco ningún de guerra nuclear"

Mijailo Podoliak é a man dereita de Zelenski, para moitos o segundo home máis influínte de Ucraína tras el. O asesor principal do presidente recíbenos no seu despacho —convertido case en apartamento— do edificio presidencial, ao que accedemos tras pasar varios e rigorosos controis.

Mijailo Podoliak, asesor principal de Zelenski. ANDRII VUSATII
photo_camera Mijailo Podoliak, asesor principal de Zelenski. ANDRII VUSATII

As luces do edificio están apagadas por seguridade e os funcionarios móvense coas lanternas dos seus móbiles polos corredores alfombrados. No despacho hai unha gran mesa redonda, o seu escritorio e roupa e calzado acumulados por todas partes. "É así dende o primeiro día da invasión", dinos. Descúlpase por ternos feito agardar algo máis de media hora, algo máis que entendible dadas as circunstancias. Facemos a entrevista en ruso, de feito Podoliak lanza mensaxes todo o tempo tanto para os europeos como para o propio pobo ucraíno mais tamén para a sociedade rusa.

Este xoves unha delegación da Unión Europea, encabezada por Úrsula von der Leyen e Charles Michel, chegou a Kiev para reunirse co presidente Zelensky e parte do seu Goberno. Sobre a mesa a situación da candidatura do país para entrar no grupo europeo, e por suposto a situación da guerra e a axuda ao país en guerra.

Que agardan deste cumio coa Unión Europea?
Hai dous aspectos fundamentais a salientar deste cumio, o emocional-simbólico e o político. Por unha banda envía unha mensaxe moi clara ao mundo: na etapa máis cruel da guerra, no momento no que Rusia está a usar todos os seus recursos para cambiar o rumbo da mesma, os mandatarios europeos veñen a Kiev. Isto demostra a solidariedade europea para con nós e ademais é un xeito claro de dicir que os aliados van seguir ao noso carón até que a guerra remate coa nosa victoria. Por outra banda o cumio hanos servir para explicarlle a Europa os cambios que estamos a facer para poder entrar na unión. Que poidamos demostrarlles que estamos a traballar no que se nos pediu.

Nas últimas horas coñecemos varias investigacións contra a corrupción que implican a políticos e altos funcionarios ucraínos. A corrupción é precisamente un dos temas que máis preocupa a Europa... Que medidas están a tomar ao respecto?
A corrupción é un problema común de todo o espazo ex-soviético. O presidente Zelenski é moi claro nisto: «Temos que ser un país transparente». A guerra non pode ser unha escusa para a corrupción. É importantísimo que a sociedade ucraína confíe no Estado, pero tamén que poidamos demostrar aos nosos aliados que non imos tolerar ningún tipo de corrupción, que hai control na xestión pública. Con estes pasos dados demostramos que temos un estado forte, que non hai un caos xerado pola guerra. A lóxica é simple: temos que amosarlle á sociedade e aos aliados que se alguén pretende aproveitarse do seu cargo terá que deixalo inmediatamente. Haberá que investigar todos os casos denunciados e por último facer que a xustiza funcione, amosarlle á xente que temos un sistema xudicial no que se pode confiar. En Ucraína non hai lugar para corruptos. Para nós a reputación do país é fundamental.

Ucraína está a pagar con sangue a súa europeidade. Esta é unha guerra entre dous xeitos de entender o mundo

Hai un días un membro do Goberno aseguraba que en dous anos contaban con entrar na Unión Europea. Ucraína acadou o estatus de país candidato en xuño do ano pasado, Turquía leva nesa situación 24 anos, que lles fai pensar que o seu caso ha ser tan rápido?
Cada país ten o seu propio camiño cara a integración. Nós estamos pagando ese camiño co sangue da nosa xente. Esta non é unha guerra por territorio, é unha guerra entre dous xeitos de entender o mundo. Estamos a loitar pola liberdade, a democracia e os dereitos individuais, como se entenden en España, por exemplo. Coido que Europa vai ter isto en conta. Estamos a pagar un prezo altísimo pola liberdade. Neste cumio precisamente Europa analizará o que temos feito para ingresar no grupo e contamos con que nos diga que máis temos que facer. É por iso que son moi optimista cos tempos do noso ingreso na familia europea tanto a nivel cultural, como económico e político.

Pero a Unión Europea non pode admitir un membro novo que estea en pleno conflito bélico cun país terceiro...
Europa entende o custo da guerra para nós, as causas e o que o mundo se xoga nela, iso xa está falado a distintos niveis. Europa entende que esta guerra non se pode rematar a medias, non podemos permitir que Rusia acade ningún beneficio con ela, significaría que a lexislación internacional non serve para nada. Deixar que Rusia gañe algo coa invasión xeraría moita desestabilización nas políticas internas dos países socios, no voso, en Alemaña, en Francia... Por iso temos que ser rápidos e rematar esta guerra canto antes, pero para iso precisamos axuda. Somos conscientes de que o noso soño europeo só se materializará despois da guerra.

Nas primeiras conversas bilaterais despois de iniciada a invasión, en Belarús, e das que vostede formou parte, Ucraína esixía a volta ao status quo do 23 de febreiro. Despois dos sucesos de Bucha, e segundo vostedes pola presión interna, Ucraína xa non se conformaba con iso e quería recuperar Donbas pero tamén Crimea —anexionada ilegalmente en 2014—. A día de hoxe, cando dará por finalizada a guerra en Ucraína?
Cando as tropas rusas saian de todo o territorio ocupado, por suposto iso inclúe Crimea. Cando se volva ás fronteiras recoñecidas internacionalmente. Isto, ademais, por lóxica histórica ha de levar a un cambio político en Rusia. Os mandatarios rusos actuais fixeron ver á súa poboación que a única saída para a supervivencia rusa é a expansión. Cando a sociedade rusa se dea conta de que non é así mudará as súas elites. Logo teremos que falar de reparación, de persecución de crimes de guerra e dunha zona desmilitarizada na fronteira entre ambos os dous países, e canda os nosos socios europeos negociar novas formas de seguridade mutua.

Mijailo Podoliak, asesor principal de Zelenski, con el periodista Marcos Méndez. ANDRII VUSATII
Mijailo Podoliak, asesor principal de Zelenski, con el periodista Marcos Méndez. ANDRII VUSATII

Están negociando con Rusia neste momento?
Non é o momento de negociar nada, Rusia non quere negociar. Está atacando cos seus mísiles á poboación civil. É moi importante que os seus lectores entendan isto: só hai un camiño, gañar esta guerra.

Falemos de armas. Xa conseguiron os tanques, os avións parece que dividen aos seus aliados, e levan dende o comezo da invasión pedindo munición de medio e longo alcance que agora parece que podería chegar. Teñen algún compromiso concreto?
Os nosos aliados saben na etapa da guerra na que estamos e cales son as nosas necesidades. A guerra non é algo abstracto. Cada etapa precisa duns recursos determinados. Nós analizamos os recursos que está a mobilizar Rusia e en base a iso calculamos as nosas propias necesidades. Primeiro precisamos mísiles de 150-200 quilómetros de alcance para podermos cortar o abastecemento das tropas rusas, xa estamos negociando sobre eles, pero só os confirmaremos cando os teñamos. Logo precisamos como mínimo dúas brigadas de blindados de asalto, entre 350 e 450 tanques, cos que poderiamos rapidamente penetrar nos territorios ocupados e liberalos. En terceiro lugar artillería, e logo aviación para apoiar e asegurar ese avance. Estamos negociando, o propio presidente está a negociar..., as nosas peticións son razoables. Bajmut leva 5 meses de ofensiva, unha das máis longas e custosas en número de mortos dende o comezo da invasión. Alí queda menos dun 10 por cento  da poboación. Hai aliados que dubidan de que este custo tan elevado sexa rendible a nivel estratéxico.

Nós tamén temos medo, claro que o temos, e estamos a pagar un prezo altísimo por protexer Bajmut

Por que é tan importante Bajmut? Pode darnos unha cifra de perdas humanas diarias nas súas tropas nesta fronte?
(Noto que esta pregunta o incomoda, ou polo menos fai que a súa resposta sexa moito máis impulsiva, máis emocional do que o viña sendo até o de agora). Non se trata dun 10% da poboación, trátase do noso territorio, das nosas casas. Nós tamén temos medo, claro que o temos, e estamos a pagar un prezo altísimo por protexer Bajmut, pero non podemos deixalo atrás. Isto demostra como somos nós, e isto tense que entender claramente en Europa. Os nosos rapaces están alí dando a vida polo dereito a vivirmos nas nosas casas. Bajmut non é un lugar calquera, é a nosa casa. Se entenderan iso non preguntarían: por que non marchan? Por que non escapan? Por que non están dispostos a asinar algo con Rusia? Os nosos nenos queren xogar nos parques de Bajmut, e eu non quero que xoguen rodeados de militares rusos. Sobre as perdas humanas non lle podo contestar agora. Será cando remate a guerra e poidamos verificar todas as perdas unha por unha cando poidamos dar esa cifra (o mesmo Podoliak hai meses daba a cifra de que o Exército ucraíno lamentaba a perda de entre 100 e 200 soldados diarios).

Kyrylo Budanov, xefe dos servizos secretos ucraínos, dixo hai uns días que a ofensiva para recuperaren Crimea de ningún xeito vai desencadear o uso de armas nucleares por parte de Rusia, malia as advertencias da outra parte e da intelixencia de varios países aliados. Descarta ese uso?
Ninaskolko. Nada de risco nuclear (cortante e enérxico). Rusia está disposta a matar fóra do seu territorio, pero os dirixentes rusos non queren morrer. Os países con armas atómicas deixáronlle moi claro a Rusia cal sería o prezo dun ataque nuclear, esa asimetría non a queren as elites rusas. Non están dispostos a morrer. Imos recuperar Crimea cunha ofensiva convencional, e ademais en moi pouco tempo. A central de Zaporiyia está ocupada, pero controlada polo OIEA (Organismo Internacional da Enerxía Atómica). Non hai risco en Zaporiyia, malia que Rusia sempre a vai utilizar para chantaxearen ao mundo. Eu dígolle á xente de Europa que non lle teña medo a Rusia, que non escoite a Rusia e que faga o que ten que facer.

Un cadro que avisa de como é
​Cara o final da entrevista, Podoliak non deixa de consultar o seu móbil. Eu pregúntolle por un cadro que me chama a atención. Nun lado do seu escritorio hai un lenzo sen enmarcar: claramente é un retrato seu con dúas enormes ás negras aos lados. Ri, dime que é un agasallo e que si, que é el. Eu insisto no detalle das ás negras e sinalando a enorme mesa redonda explícanos que aí senta moita xente: ministros, mandos militares, etc. Que, para quen non o coñeza, ese cadro é un aviso de como é, "e polo visto funciona", di entre risas.

Comentarios