As medallas de Ekaterina

Ducias de bombeiros traballan arreo para quitar cascallos. Algúns familiares danlles, desesperados, indicacións de onde poderían estar os seus seres queridos.
Yuri recupera, entre os restos da súa casa, as medallas da súa irmá. M.M.
photo_camera Yuri recupera, entre os restos da súa casa, as medallas da súa irmá. M.M.

Entramos en Kharkiv contra as sete da mañá. Ao lonxe viamos unha columna de fume moi negro e moi intenso. Non podía ser a do ataque que nos levaba até alí, e se fora había xa dez horas e esa columna era dun ataque recente. 

Na vida pensei que aprendería a ler deste xeito que agora me parece tan natural: unha columna de fume. Hai un ano pareceríame cousa de Toro Salvaxe. Efectivamente, ao pouco soaron as alarmas nos móbiles, novo ataque na segunda cidade máis poboada de Ucraína, había algo máis dunha hora.

Cando chegamos ao destino xa todo indicaba que a cousa ía pintar mal. Nese momento tiñamos o dato de 6 persoas mortas, no momento de escribir estas liñas xa van 14 cadáveres, ou parte deles, atopados no edificio da bisbarra obreira de Saltivska. 

A imaxe é desoladora. Ducias de bombeiros traballan arreo para quitar cascallos, outros aínda están a apagar os lumes que se van reproducindo baixo a masa de pedras, cemento e lembranzas nas que quedou convertido o edificio. Algúns familiares danlles, desesperados, indicacións de onde poderían estar os seus seres queridos. Cando os bombeiros atopan algunha pista de que, efectivamente, a persoa estaba aí e a comproba cos familiares, estes, que aínda conservaban unha miga de esperanza de que non fora así, rómpense. 

Entramos no que queda do edificio anexo. Case non se ve por mor do po. O cheiro é unha mistura a po, fume e a perfume, si, a perfume que imaxino estourou coa deflagración e que enche ese aire irrespirable do que queda do que hai unhas horas era un fogar. O sangue está por todas partes, chámame a atención o baño. A bañeira e as paredes xa son vermellas para sempre, alí, no baño, pillou a alguén o mísil asasino. 

Non moi lonxe, esta cidade é enorme en extensión, o ataque de primeira hora da mañá. Desta volta dous mísiles, un impactou de cheo nas cocheiras do tranvía e o segundo nas vivendas colindantes. 

Atopamos a Yuri remexendo entre os cascallos. Recupera varias medallas. A súa irmá, Ekaterina Tabachnik, é unha coñecida atleta, campioa de Europa de salto de altura en 2013. A nai de Yuri e Ekaterina non sobreviviu o ataque; as vitorias da súa filla, que conservaba con orgullo como nos conta Yuri, están agora espalladas baixo os restos do que fora a súa casa. Canda ela nese ataque morreron un neno e unha nena. Xente humilde, traballadores da compañía dos tranvías de Kharkiv. En total, polo momento, 17 vidas, 3 deles nenos. Vidas que xa non están, que foron e xa non son, así, nun segundo. 

Fai unha noite quente. O ceo está limpísimo de nubes. Pódense estudar as estrelas, as novas e as vellas. As luces da cidade están todas apagadas e parecera que estiveramos observando o ceo dende un deserto. 

Silencio. Miramos para arriba, de aí chega a ameaza. Vemos varias estrelas fugaces, tamén un par de drons, voan alto e obsérvano todo, son coma as anteriores pero van moito más de vagar. 

Ao lonxe vemos luces coma de flashes. Unha tras outra, silencio. Pregúntamonos que serán. Ao chegar ao cuarto, estando xa escribindo estas liñas, chégame unha mensaxe de Andrii: "Esas luces pode que foran estas explosións" e acompáñaa dun vídeo dun ataque en Belgorod, en Rusia, a uns 60 quilómetros de onde estamos. No vídeo de hai uns minutos vense varias explosións e un gran incendio, se cadra novamente un almacén de municións, a esta hora non temos aínda información. Marchamos durmir, se a calor nos deixa.

Comentarios