Libia anula a pena de morte dos sanitarios acusados de contaxiar a SIDA a 400 nenos

O Consello Xudicial Superior de Libia, a máis alta instancia xurídica do país, decidiu anular a condena da morte das cinco enfermeiras búlgaras e do médico palestino acusados de inocular o VIH a 438 nenos, dos que máis de 40 xa faleceron. O tribunal conmuta a pena pola cadea perpetua, o que permitiría ós condenados cumprir a súa pena en Bulgaria grazas a un acordo bilateral asinado en 1984.

O goberno de Sofia xa anunciou que fará uso desta posibilidade e que pedirá a extradición nun período “razoablemente curto”. Un final máis optimista do esperado hai unhas semanas para un proceso que enturbou as relacións entre Libia e a comunidade internacional nos últimos 8 anos.

Hai tan só uns días, o Tribunal Supremo confirmaba as penas de morte ós seis acusados. ¿Que pasou en tan pouco tempo? O certo é que o cambio de criterio xa se agardaba antes da reafirmación da sentenza, que foi un mero formalismo burocrático. Incluso existía a posibilidade do indulto por parte das autoridades libias.

Dende hai meses lévase planeando o acordo de indemnizacións que concluíu con esta decisión. Onte á mañá, as familias indicaron que renunciaban a reclamar a pena de morte “despois de que as súas condicións foran atendidas e que recibiran os seus cheques”, segundo sinalou o seu voceiro, Idriss Lagha, que tamén apuntou que cada vítima –ou a súa familia- tería dereito a un millón de dólares.

Un caso con repercusión internacional
As enfermeiras Kristiana Valtcheva, Nassia Nenova, Valia Tcherveniachka, Valentina Siropoulo e Snejana Dimitrova, así como o médico palestino Achraf Joumaa Hajouj –que conseguiu a nacionalidade búlgara o mes pasado- afirmaron sempre ser inocentes, declarando que a súa confesión fora arrancada baixo tortura.

Hai oito anos, os seis eran acusados de ter infectado intencionadamente a máis de 400 nenos co virus do VIH na cidade portuaria de Benghazi. O caso foi rexeitado por varios membros da comunidade médica mundial, incluído a Luc Montagnier, considerado un dos descubridos de VIH, que afirmaba que as infeccións eran anteriores á chegada dos acusados ó hospital e que seguramente o contaxio se debera ás condicións hixiénico-sanitarias.

Malia isto, as declaracións destes médicos, así como unha investigación realizada a partir do sangue dos nenos –e publicada en Nature en decembro do 2006- non foron tidos en conta polo tribunal, que hai uns días confirmaba a sentenza a  morte.

Fondo internacional de compensación

En todo isto puido xogar un importante papel a complexa situación interna de Libia e da rexión de Benghazi, con arraigadas tradicións tribais e forte tendencias radicais. Por iso os avogados da defensa sempre mantiveron que os seus clientes non eran máis que cabezas de turco.

Finalmente, un acordo monetario entre vítimas e acusados foi a solución a este conflito xudicial que chegou ó taboleiro xeopolítico internacional.  Segundo a lei islámica, os familiares da vítima poden retirar as sentenzas á morte a cambio dunha compensación económica. Neste caso, os cartos proveñen dun fondo internacional especial financiado na súa maioría por países occidentais, mesmo se nel participou o propio goberno libio.

Comentarios