A Lexión Xeorxina de Astray e Nandi

Vemos soldados xaponeses, brasileiros, británicos e a Astray e Nandi –os seus alcumes–, que son de Barcelona e Valencia
Astray e Nandi, en Kiev. MARCOS MÉNDEZ
photo_camera Astray e Nandi, en Kiev. MARCOS MÉNDEZ

Conseguimos entrar na base da Lexión Xeorxiana en Kiev. É un edificio camuflado, por fóra ninguén diría que dentro hai militares de máis de 30 países agardando destino na fronte. O comandande, Mamuka Mamulashbili, un home grande e afable, recíbenos nunha especie de cociña tras subirmos varios andares e pasar por escuros corredores. Fala perfectamente inglés, que é o idioma que manexan nesta torre de Babel militar. Vemos soldados xaponeses, brasileiros, británicos e a Astray e Nandi –os seus alcumes–, de Barcelona e Valencia. Primeiro falamos co comandante para pedirlle permiso nos nosos seguintes pasos coa lexión; mentres manteñamos en segredo as localizacións que nos han amosar e non deamos información algunha que os poida pór na diana, dános vía libre. A lexión Xeorxiana é o batallón internacional máis grande dentro do exército ucraíno, arredor de 2.000 combatentes."Tamén somos dos máis existosos, só hai que ver os números", di orgullososo o comandante.

Este grupo militar formouse hai 9 anos, cando a guerra de Crimea e Donbas. "Ucraína é un aliado de Xeorxia, o noso goberno é prorruso e nós queremos axudar os nosos irmáns, eles tamén viñeron loitar connosco en 1992 e en 2008 a Xeorxia", di o comandante. A base é o lugar onde se preparan os recén chegados e onde descansan os que levan moito tempo na fronte. Só aceptan militares con experiencia en combate, que malia iso teñen que pasar por varias semanas de adestramento para integrárense nun corpo tan heteroxéneo: "Iso é bon, porque contamos coa experiencia dos mellores exércitos do mundo", di Mamuka.

Astray foi militar e lexionario en España. Este é o seu séptimo conflito. Agora é o sarxento dun pelotón que el mesmo está a formar de cara á contraofensiva ucraína. Xa estivo ao comezo da guerra. En Mikolaiev perdeu cinco compañeiros. Non estaban, recoñece, ben preparados. Agora voltou e está a implementar os seus propios planos para formar o seu pelotón. Acompañámolos adestrar a outro lugar secreto fóra de Kiev. Chove, pero iso nunca foi un impedimento na guerra para ter que tirarse polo chan e practicar tácticas militares que serán esenciais logo na fronte. Teñen que familarizarse con armamento que algúns non usaron nunca e con ordes en inglés que non todos dominan. "Non todos os que ves están preparados para a primeira liña", dime Astray, pero sempre hai necesidades que cubrir nunha guerra, casi tan importantes coma disparar. Hai pelotóns de drons, expeditivos, de ataque... É coma un pequeno exército dentro de outro.

Astray está casado, fala todos os días coa súa muller, que está en Barcelona e que acepta a súa decisión con certa dor. Ademais, no tempo que ten libre Astray está a escribir un libro de todas as súas aventuras: "Teño moito que contar, non só de Ucraína, e quero deixar coma legado un libro persoal coas miñas historias, mais tamén cos meus sentimentos". "A xente pensa que vimos á guerra matar rusos; non, vimos defender un país e á súa xente". É exactamente a mesma idea que me transmite Nandi, valenciano. Ten dous fillos. "Xa teñen máis de 20 anos, a miña familia non quere que estea aquí, pero enténdenme. Moitas veces penso que son moi egoísta por estar aquí sen que eles o queiran, pero é a miña vida, o meu traballo". Esta mesma idea de egoísmo compartímola, dun xeito ou outro, moitos dos extranxeiros que estamos aquí para un traballo ou outro, por iso enténdoos perfectamente.

Nótase que a parella de españois teñen bastante máis experiencia que o resto do seu pelotón, e nótase o repecto co que os tratan. Agardan ir axiña á fronte, iso si, di Astray: "Cando vexa que os meus homes están preparados". Todos queren formar parte da contraofensiva que libere o sur de Ucraína, pero aínda faltan por chegar armas. Mamuka teno moi claro: "No verán recuperaremos todo o país". Míroo con incredulidade. El, serio, mírame aos ollos e dim: "Non é ningunha fantasía, estamos preparados".

Deixo aos meus compatriotas no seu adestramento. Quedamos en vernos axiña para compartir mesa antes de que partan a algún lugar da fronte. Déixoos pensando que xa estou vendido, xa son varios nomes máis nos que pensarei polas noites agardando ter noticias súas á mañá seguinte.

Comentarios