O inferno de Aleksandr e Edward

Nada máis entrar no edificio énchenselle os ollos de bágoas. "Aquí baixaban torturarnos", di mentres toca o sangue das paredes.
Aleksandr sinala o calendario que debuxou na parede da súa cela. M.M
photo_camera Aleksandr sinala o calendario que debuxou na parede da súa cela. M.M.

Jerson, ao sur do país, foi a única cidade importante —antes da chegada dos rusos tiña preto de 300.000 habitantes— que conseguiron conquistar os invasores a principios de marzo. A mediados de novembro as forzas ucraínas conseguiran liberala totalmente. Os rusos seguen na rexión, á outra beira do río Dniéper. Por aquí, ou máis ao leste por Zaporiyia, é por onde probablemente o Exército ucraíno tente avanzar nunhas semanas —ou días— cara ao mar de Azov para separar en dous o territorio conquistado por Rusia, ao sur Crimea e ao norte o Donbas. 

Queda pouca xente en Jerson, unha sexta parte da poboación que tiña hai un ano, é sobre todo xente moi maior. Tamén algúns mozos e mozas que volveron trala liberación ou que ficaron e se enfrontaron aos rusos ás veces con actos tan simbólicos como pintadas patrióticas; outras sabotando equipamentos ou informando ao Exército ucraíno das posicións e movementos dos ocupantes, son os chamados partisáns. Militares e xornalistas estranxeiros completan a paisaxe dunha cidade completamente devastada pola guerra.

Dima e a súa moza, na vintena, son dos que ficaron. Amósannos orgullosos as fotos e vídeos daqueles meses nos que saír á rúa con camiseta azul e bermudas amarelas —as cores da bandeira ucraína— e retratarse así diante da Policía rusa era un xesto totalmente heroico, como o era pagar en grivnas en lugar de usar o rublo que impuñan os agresores. O fillo de Aleksandr Dyakov de tan só 3 anos memorizaba as entradas e saídas dos oficiais rusos dun edificio administrativo, "é un auténtico partisán" dinos fachendoso seu pai. Aleksandr, activista e político, estivo detido polos rusos 17 días. 

As feridas que lle provocaron nunha perna coas torturas ás que foi sometido fíxerono estar ingresado dous meses nun hospital, aínda coxea. O día seguinte de coñecérmonos dannos permiso para visitar un dos sete centros de tortura, xusto no que estivo Aleksandr, accede a acompañarnos. É a primeira vez que ve o edificio —unha antiga prisión— por fóra, entrou e saíu del coa cabeza cuberta. Nada máis entrar énchenselle os ollos de bágoas. Andrii, o militar que nos acompaña e que nos empezou a explicar o lugar, cala e deixa que sexa Aleksandr quen nos vaia guiando polo "inferno". "Aquí baixaban torturarnos" di mentres toca gotas de sangue que aínda hai nas paredes. Fala como para si mesmo, é consciente de que estamos alí e o estamos a gravar, pero el vai estancia por estancia falando, calando e mirando, tocando as paredes como se estivese a revivir aquel pesadelo.

Na súa cela, para dúas persoas, eran 7 ou 8 dependendo do día. Atopa o calendario que el mesmo debuxara e explícanos as incricións que hai nas paredes: "Hare Krisha era un compañeiro que era budista, ou algo semellante, e por iso o chamabamos así. El durmía aquí, eu baixo del no chan até que se decataron de que tiña tan mal a perna que me deixaron durmir no colchón. Canto máis tempo levabas aquí mellor sitio conseguías". Sinala unha pequena ducha que hai no cuarto: "Aquí faciamos as necesidades. Non se respiraba ben pola calor e porque non hai case ventilación". 

O cuarto ten unha fiestra cuberta con arames que non podían abrir, era o seu único nexo co mundo exterior. Aleksandr relátanos as atrocidades as que os sometían —falamos con 4 persoas que estiveron detidas para escribir esta crónica e todos coinciden nos seus relatos sobre as torturas—. Descargas eléctricas, golpes por todo o corpo, humillacións continuas e a imposibilidade de durmiren porque a cada pouco os espertaban para que berraran 'Viva Rusia!' ou cantaran o himno do país. "Para que te fagas unha idea, ao home ao cargo deste sitio os propios soldados rusos chamábano o demo", di Aleksandr. Os presos a maioría das veces non vían as caras de quen os torturaba, ían con bolsas na cabeza e só os recoñecían pola voz.

Despídome de Aleksandr pedíndolle desculpas por terlle feito rememorar todo isto. El abrázame, dime que cre que lle pode sentar ben. Pregúntolle que faría el con ese lugar cando rematase a guerra: "Eu non quero lembralo máis. Non son quen para decidir, pero por min tiraríao todo". 

Edward 

Edward, así nos pide que o identifiquemos, de 25 anos é policía dun corpo especial. Vémonos nunha cafetería, Pídenos que non gravemos a súa cara, di que el xa está recuperado pero as dúas semanas que pasou preso e sendo torturado aínda hoxe lle pasan factura. É miúdo, loiro e de ollos azuis infinitamente tristes. Ollos que case non vexo cando me conta a súa historia porque o fai como avergoñado. 

Edward vaise soltando pouco a pouco e entrando cada vez en máis detalles. As seis da mañá do 25 de xuño arredor de trinta rusos —en 5 coches, un jeep blindado con ametralladora e un minibús— irromperon na súa casa familiar. Dixéronlles que era unha inspección, a el mandárono vestir, puxéronlle unha bolsa na cabeza, metérono nun coche e levárono "a algún sitio".

Durante as dúas semanas que estivo preso torturárono con golpes e electroshocks. "Poñíannos os electrodos nos dedos, nas orellas e nos xenitais, pechabas os ollos pero seguías vendo como un raio, cando caías seguían mallando en ti", lembra. Os rusos entraban a cada pouco na cela na que estaba con outros tres detidos. "Podían vir por ti en calquera momento para interrogarte, aínda que case sempre era de día. Polas noites, ademais, bebían e mesmo levaban prostitutas, nós escoitabamos todo". Cando os rusos estaban bébedos aínda eran máis crueis: "A un compañeiro mandáronlle arrastrarse espido polo corredor, eles subíanse enriba del, logo levárono así a outra cela con máis homes e dicíanlle que o ían violar". Non había doctores nin ningún tipo de coidado médico: "Un señor maior morreu nunha cela, por un ataque cardíaco ou algo así, e deixaron o corpo alí varios días". 

A familia de Edward percorreu durante seis días todos os lugares de Jerson onde sabían que tiñan xente retida. Cando finalmente deron con el os rusos dixéronlles que non se fixesen esperanzas de volvelo ver. A el tamén o ameazaban con facerlle dano á familia se non colaboraba. A Edward, as conversas do móbil delatárono. A el non lle deu tempo a eliminalas. A outros, como ao xornalista Igor Bondarenko, non lle serviu de nada borrar todos os datos do seu aparello. Cando o detiveron tentando saír da cidade os rusos tiñan unha pía de papeis impresos con todas as súas chamadas e mesmo as mensaxes que intercambiara por Telegram, todo o contido do seu móbil estaba alí impreso. A Igor tamén o torturaron, ademais levárono a unha fosa onde había varios cadáveres e preguntáronlle se quería acabar alí tamén. Toda a xente coa que falamos para esta crónica conta o mesmo, as torturas non eran só físicas, a parte psicolóxica ás veces era aínda peor. 

Edward accede a que o gravemos para a televisión, sen que se lle vexa a cara. Imos a un parque moi preto do río. "Os rusos están a uns 300 metros, pero tranquilo que está o río de por medio", di. A entrevista está aderezada con explosións a unha e outra beira do río —ningunha preto de nós, pero o chan trema con cada unha delas—. Tamén trema o banco de madeira no que estamos sentados, pero é por Edward, non teño moi claro se son os nervios, o frío ou lembrar esas semanas, "as peores da miña vida, non sabía se o podería contar". Imaxino que é algo de todo iso.

Cando rematamos Edward dános as grazas por escoitalo e contar a súa historia. Amósanos algúns vídeos no seu móbil, material de guerra sobre todo. Vexo fotos del de hai anos: alegre, de festa... Volvo miralo e malia que agora está máis tranquilo, os ollos seguen sendo infinitamente tristes, nada que ver cos desas fotos de hai pouco máis dun ano. 

Sei que hai que contalo, que eles agradecen que o fagamos, pero eu non podo deixar de sentirme culpábel por facerlles revivir, remexer nese pasado tan doloroso.

Comentarios