miércoles. 23.06.2021 |
El tiempo
miércoles. 23.06.2021
El tiempo

Indultan ós seis sanitarios condenados en Libia

As cinco enfermeiras búlgaras e o médico palestino acusados de contaxiar intencionadamente a SIDA a máis de 400 nenos, delito polo que foran condenados á morte en Libia, non cumpriran finalmente pena algunha.

O presidente búlgaro, Georgi Parvanov, asinou esta mañá un decreto en virtude do cal indulta ós seis sanitarios, poñendolle fin ós oito anos que pasaran nos cárceres libios, ó ser declarados culpables do contaxio masivo do virus no hospital infantil de Bengasi, a segunda cidade do país.

Así, as cinco enfermeiras e o médico (a quen recentemente lle concederon a nacionalidade búlgara) chegaron esta mañá a Sofía nun avión oficial francés no que viaxaba tamén outro doutor marido dunha das enfermeiras. Este último fora encarcelado polos mesmos feitos, pero saíu absolto no 2004, cando os outros seis sanitarios foron condenados á morte.

No mesmo voo aterraron a muller do presidente de Francia, Cécilia Sarkozy, e a comisaria europea de Relacións Exteriores, Benita Ferrero-Waldner, que viaxaran a Trípolo o pasado domingo para tratar de acelerar a extradición a Bulgaria das enfermeiras e do médico, unha vez que a pena capital lle fora conmutada pola cadea perpetua.

O indulto foi asinado unha hora despois da chegada do avión á capital búlgara. Segundo sinalou o ministro de Exteriores do país, Ivajlo Kalfin, "seguro da súa inocencia e de acordo cos poderes que se lle atribúen, o presidente Parvanov perdoa ós médicos".

Despois de oito anos no cárcere
As enfermeiras e o doutor pasaron máis de oito anos detidos no país africano acusados de inocular o VIH ós cativos. Os seis sostiveron a súa inocencia dende o primeiro momento e aseguraron que foran torturados para obrigalos a confesar.

Pola súa banda, expertos occidentais entre os que se atopa o codescubridor do virus, insisten en que o contaxio se debeu ás malas condicións sanitarias do hospital, e aseguran que se produciu antes da chegada destes traballadores ó centro.

A pena de morte á que foran condenados inicialmente foille conmutada a semana pasada por cadea perpetua. Dende entón, Bulgaria iniciou un proceso de extradición para facilitar o retorno dos acusados.

O pasado 17 de xullo, as familias dos nenos libios contaxiados recibiron un millón de dólares cada unha, en concepto de indemnización.

Indultan ós seis sanitarios condenados en Libia
Comentarios