A Independencia de Flandres

O Vlaams Belang (VB), o partido da ultradereita flamenca, solicitou estes días a mesmísima independencia de Flandres no seu parlamento rexional. A petición pode impactar aos cidadáns do estado español, pero os belgas levan tempo encaixando bastante ben estes órdagos do nacionalismo xenófobo. Teñen claro que malia todas as diferenzas que separan a flamencos e valóns, en continuo aumento nas últimas décadas, o Vlaams Belang (sucesor do racista Vlaams Blok, ilegalizado) non é un partido co que se poida negociar.

Esta demanda chega tras dous meses de negociacións frustradas entre os partidos políticos para formar goberno tralas últimas eleccións lexislativas, celebradas o pasado 10 de xullo. Os vencedores foron daquela os cristianodemócratas flamencos (CDV), unha formación que tentou pactar sen éxito o goberno cos liberais flamencos (Open VLD) e cos seus respectivos equivalentes valóns: os liberais do Movemento Reformador (MR) e os cristiano demócratas humanistas (CDH).

Esta “gran coalición” da dereita cristiá liberal deixaría á marxe do poder tanto aos ultranacionalistas flamencos como aos socialistas das dúas comunidades, estes últimos os grandes perdedores das eleccións. Mais non será posíbel. A esixencia flamenca dun intenso traspaso de competencias ao seu goberno rexional chocou coa oposición dos partidos valóns, reticentes a esa emerxencia política dos seus veciños, obrigando a renunciar a Yves Leterme, o líder do CDV, a formar goberno. O sangue frío dos belgas e a súa lóxica práctica permítelles agardar sen traumas pola resolución deste lance, ignorando as esixencias do Vlaams Belang. Para eles, é o de sempre.

Bélxica como laboratorio europeo para os estados plurinacionais
O estado belga naceu no século XIX (1830) como unha escisión católica polo sur do Reino Unido dos Países Baixos. Fóra desa oposición relixiosa aos políticos protestantes holandeses que controlaban o reino, flamencos e valóns non teñen nada en común, nin daquela nin agora: dúas comunidades con economías, sociedades e linguas distintas, máis afeitas ao desprezo que ao entendemento.

A revolución industrial favoreceu á economía valona, facendo caer o peso económico do país sobre esta rexión, de xeito que os seus políticos remataron por controlar o estado belga e a cidade de Bruxelas. Esta burguesía industrial mantivo sempre un certo complexo de inferioridade cara o veciño francés, ollando máis para París que para Antuerpen ou para Ghent, de xeito que non soubo crear unha identidade común belga que achegara ás dúas comunidades.

A situación político-económica mudou na segunda metade do século XX, especialmente a partir da crise do petróleo de 1973. A industria valona afundiu sen deixar ningún relevo co que reactivar a rexión, ao tempo que os flamencos se integraban con éxito na economía e no comercio mundial. A consecuencia foi que o peso político e demográfico mudou nas últimas décadas para o norte, como proban estes últimos resultados electorais ou o novo reparto de poboación: en Flandres vive o 60% dos belgas, uns seis millóns de persoas.

Esta nova situación explica as crecentes demandas dos políticos flamencos, que na súa versión máis extrema (Vlaams Belang) optan directamente por ceibarse do lastre valón, unha opción semellante á que defende a Liga Norte lombarda para independizarse do mezzogiorno italiano, pero nun contexto moito máis polarizado. Para Filip Dewinter, o líder do Vlaams Belang, “a disolución do estado belga é só cuestión de tempo”, unha declaración que ten máis de proselitismo que de realidade política. Por suposto, o seu partido traballa pola disolución do estado belga, pero o 12% da poboación belga que os vota non abonda para darlle viabilidade democrática ao seu proxecto. As palabras de Dewinter lembran aquela afirmación dun think tank estadounidense que afirmaba que a cuestión máis relevante para a política exterior futura dos Estados Unidos era a disolución do Canadá.

As tensións nacionais do Québec e de Flandres son unha constante nas políticas canadiana e belga e non por iso semella que vaian chegar a curto prazo a un escenario de ruptura estatal. Fixo falla que caera todo o sistema comunista para que Checoslovaquia se escindise. Os axustes de contas co goberno federal son necesarios na axenda política flamenca para adaptar o sistema político á súa realidade social actual. Conxelar o reparto de poder só complicaría máis o escenario, ampliando as bases da ultradereita xenófoba e facéndoa máis perigosa.

Pero Bélxica non é o Líbano. Os belgas rematarán atopando unha fórmula para formar goberno e para atender ás necesidades de autogoberno flamenco sen minar aínda máis á feble rexión valona. Máis lles vale, porque niso Bélxica funciona como un laboratorio de utopías no que se miran os demais estados plurinacionais europeos. Segundo lles vaia a eles, faremos os demais.

Comentarios