A encrucillada europea

Pouco a pouco, Kiev vai recuperando a normalidade; cada vez hai menos puntos de control
Vista da praza da Independencia de Kiev. M. M.
photo_camera Vista da praza da Independencia de Kiev. M. M.

DÚAS SEMANAS despois volvo a Kiev e chego xusto unha hora despois de que o faga o presidente Pedro Sánchez, pola mesma vía, o tren nocturno que une Leópolis coa capital. Un sinal de que algo está a cambiar nesta fase da invasión rusa atopeina xa na fronteira. Na estación de Przemsyl, na beira polaca, había case o mesmo número de mulleres e nenos que voltaban a Ucraína que de refuxiadas que saían escapando da guerra. De feito o noso tren, no que a última vez que o collimos só viaxabamos xornalistas e algún que outro voluntario disposto a defender o seu país, ía desta volta ocupado por moitas desas mulleres, nenos e nenas que regresaban a casa. Esta é a imaxe que tanto Sánchez coma a primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, se atoparon ao cruzar a fronteira. Logo desprazáronse ata Borodianka e alí foron testemuñas das atrocidades cometidas polo exército ruso nesa zona noroeste de Kiev, de feito Sánchez recoñeceu terse conmovido polo que algúns dos veciños lle contaron en primeira persoa: como viron morrer aos seus familiares baixo os cascallos sen ter podido facer nada para evitalo.

O que seguro tamén levan os dous mandatarios é a imaxe dunha cidade, Kiev, que vai recuperando aos poucos a normalidade. Son moitos menos os puntos de control, aquí mesmo, na praza da Independencia onde está o noso hotel, antes tomada polos militares, agora volve fluír o tránsito de coches e as rúas están limpas de bloques de cemento e os ourizos checos, esas estrelas de metal antitanques, están agora amoreadas nas beirarrúas, dispostas a volver ao asfalto no que estiveron os dous últimos meses se for preciso.

Pedro Sánchez e Mette Frederiksen pasaron menos de doce horas na capital do país. Víronse co presidente Zelenski, ao que anunciaron novas axudas militares e económicas e o seu apoio á entrada do país na Unión Europea, pero ao que non lle puideron asegurar que esa mesma Unión deixaría de financiarlle a invasión a Rusia deixando de comprarlle petróleo e gas. Ironía? non, a economía manda, Alemaña manda, e apoiamos dun xeito a Ucraína e seguimos pagándolle a guerra a Rusia, unha espiral sen fin. Polo momento. Hoxe Kiev volveu ter para España o protagonismo de hai un mes, pero nótase que xa non é o mesmo.

A ofensiva rusa está xa en plena segunda fase e céntrase no sur e leste do país, e cara aí marcha tamén a atención informativa e, xa que logo, os propios xornalistas. De feito a vida da cidade contrasta co baleiro que atopei este hotel Kozalski, case non quedan xornalistas nel, e somos nós os únicos clientes.

Mariupol, e a sorte deses entre 1.000 e 2.000 soldados ucraínos que se resisten no complexo metalúrxico de Azovstal, e dos 100.000 residentes que sobreviven aínda no que queda da cidade; ademais do futuro das rexións prorrusas do Donbas, centran xa todo o foco informativo. Parece que a caída de Mariupol, xa celebrada por Rusia, é cuestión máis de horas que de días. As poucas cidades do Donbas aínda baixo control ucraíno semella que van correr a mesma sorte. Agora está por ver se Putin é fiel á súa palabra e se conforma con iso ou ben seguirá intentando controlar Jarkov e chegar a Odesa, ambas cidades cruciais para Ucraína e fóra das pretensións anunciadas por Rusia. Veremos.

Comentarios