Educar para a paz

Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Alberto toma unha foto en Mykolaiv. MM

XA TEÑO escrito nestas páxinas sobre os e as voluntarias que veñen dar o seu tempo desinteresadamente no país. Tamén hai voluntariado profesional, aquel que fai da axuda ao outro a súa profesión e está a soldo de ONG, ou mesmo crean as súas propias. É o caso de Alberto, un ‘conejero’ —de Lanzarote— que hai anos decidiu mudar o seu traballo na televisión para educar aos máis cativos en dereitos humanos, e así xurdiu Paz en Construcción. Alberto leva anos percorrendo distintos lugares do mundo onde hai conflitos, como Palestina ou Siria e agora Ucraína, para recoller historias e vivencias da guerra que o axuden logo a explicar a paz nas aulas dos institutos de bacharelato canarios. Coñecimos a Alberto en Mykolaiv, nos cascallos dun edificio que fora atacado horas antes. Cámara en man estaba a retratar o horror. Alberto busca sobre todo historias de cativos, de como esta guerra afecta aos máis novos. Son millóns os que tiveron que abandonar o país, outros tantos deixaron as súas casas para se trasladaren a un lugar máis seguro dentro do propio país. Case 400 nenos e nenas morreron nestes pouco máis de seis meses que levamos de invasión por mor dos mísiles ou a artillería rusa. Son, como sempre dicimos, datos moi provisionais, aínda non sabemos o que pasou na parte ocupada. Imposible non lembrar o teatro de Mariúpol no que se calcula que morreron arredor de 600 persoas, a maioría nenos e nenas. Eles xa non lle van poder contar nunca a súa experiencia aos alumnos de Alberto. En menos de dúas semanas debería comezar aquí o curso escolar. Moitos cativos e cativas ucraínos comezaran as clases noutro país, noutras linguas alleas ás súas. Deles moitos seguro han ter a seu pai ou irmán máis vellos loitando nunca guerra que probablemente non entendan.

Explícalle ti a un rapaz ou rapaza de 5 anos que tivo que separarse da súa familia que hai alguén moi poderoso que decidiu que os ía liberar dos señores do saco malos, malísimos; e que para iso lanzou varios mísiles contra o seu barrio, matou a varios amigos ou coñecidos seus. Explícalle a ese cativo ou cativa que tivo que percorrer todo o país, agardar baixo o frío ringleiras infinitas de xente vendo a súa nai chorar e sen entender nada, para rematar un país no que nada entende cunha vida miserable afastado de todo o que coñecía, que hai señores que durmen nas súas camas de sempre que teñen ese poder de acabar coas vidas da xunta ou mudalas para sempre. Seguro que de estarmos nesa tesitura habíannos de faltar palabras. Pero si podemos educar os nos pequenos en valores, nos dereitos humanos. Contarlles o que está a pasar neste país, como o están a vivir nenos e nenas coma eles, coa única diferenza de que naceron neste país. A educación é a clave dun fututo mellor, dunha sociedade mellor, duns mellores gobernantes. Alberto Hugo Rojas fai ese traballo. Leva a guerra ás aulas para que o alumnado tire as súas propias conclusións. El tamén se xoga o pescozo cada día que pasa aquí porque cre, espera, que o seu traballo salve vidas no futuro, ou alomenos, sexa un futuro con xente capaz de parar barbaridades coma esta.

Comentarios