A difícil benvida de Gordon Brown

Dez anos agardando á sombra de Tony Blair, facéndolle as contas, para logo entrar no 10 de Downing Street e enfrontarse de cheo coa asignatura pendente do seu predecesor: “a Guerra contra o Terror”. O verán complícase para Gordon Brown. Ten a oito persoas detidas baixo a sospeita de preparar os primeiros atentados do seu goberno, todas elas relacionadas co mundo da sanidade: médicos, estudantes de medicina e persoal hospitalario. Terroristas ilustrados. Desta vez non tiveron éxito, non houbo vítimas, pero o mal xa está feito. Os británicos comezan o verán asustados. Ninguén ficará tranquilo cando colla un tren ou cando agarde nun aeroporto.

Pero moito antes de que esta yihad chegase a Londres, unha das principais preocupacións de Tony Blair foi traballar pola paz no Ulster. O conflito norirlandés levaba décadas sendo un lastre para o goberno británico, obrigándolle a gastar inxentes cantidades de diñeiro público na ocupación militar. Fixo falla unha intensa negociación entre os distintos actores do conflito para transformar un problema militar nunha tarefa exclusivamente política. E agora, nove anos despois do acordo de Venres Santo, e malia atrancos coma o atentado de Omagh, os unionistas de Ian Paisley gobernan o Ulster en coalición cos republicanos do Sinn Feinn. Non se lle pode negar o éxito político a Tony Blair. Se cadra, xa non estouparán máis bombas irlandesas no Reino Unido.

Iso saíulle ben. Ao contrario do que esa mostra do peor neocolonialismo británico que é a Guerra de Iraq. Esa herdanza é un agasallo envelenado para Gordon Brown, que ten que facer fronte a un problema que dende hai dous anos excede as competencias da política internacional. Moito vai ter que traballar o seu executivo, que pola súa formación semella máis ben centrado nos asuntos domésticos, e no que aínda figuran os partidarios de Tony Blair, nun esforzo por manter unido aos laboristas. Un exemplo: Brown quere contar no seu equipo co que podería ser o seu rival no partido, David Milliband, un blairista emerxente que estará á fronte do Foreign Office.

Pero quen máis vai ter que traballar por neutralizar a alerta terrorista é a nova ministra do interior, Jaqui Smith, a primeira muller que ocupa este cargo. O seu nomeamento foi unha sorpresa, pero máis sorpresa debeu levar ela coas bombas desta fin de semana. Pasará o verán dándolle contas á opinión pública de todo canto sospeitoso atope a policía ou os servizos secretos. Pero iso non significa que vaia ampliar as leis antiterroristas. A idea non é repetir os erros do goberno de Blair, senón atopar “outros xeitos” de combater o terrorismo, todo un reto para un goberno obrigado a reconstruír o modelo de convivencia multiétnica que entrou en crise tralos atentados de xullo de 2005.

A xestión de Gordon Brown comeza daquela centrada nos problemas internos, polo que a súa proxección europea terá que agardar. Algo lóxico, sabendo que ten outras prioridades na axenda e que os británicos sempre ollaron de esguello ao eixo franco-alemán cando se trataba de avanzar na construción da Unión Europea. Con todo, Brown terá que facerse un oco xunto a Merkel e a Sarkozy nunha nova xeración de líderes políticos que toman o relevo nos seus respectivos estados. Estes novos dirixentes decidirán o camiño da UE en materia de terrorismo, claro, pero tamén no tocante á súa constitución, á zona euro, á súa política social (inexistente por agora) ou ás novas ampliacións, temas que deberían ter bastante máis transcendencia que os sustos que dá Al-Qaeda, malia que haxa días nos que non se poida falar doutra cousa.

Comentarios